Román Rodríguez: «Os deberes non poden ser o campo de batalla de pais contra profesores»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

O conselleiro de Educación rexeita as análises «interesadas» sobre os resultados do informe PISA e cre que as avaliacións son positivas

18 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

De «incremento necesario» cualifica o conselleiro de Educación, Román Rodríguez (Lalín, 1968), o aumento en 65 millóns de euros do orzamento do seu departamento. Unha medra para mellorar a calidade educativa e a acción cultural e devolver ao persoal os esforzos económicos que fixeron nos peores anos da crise.

-Anunciou oposicións. Onde que- ren poñer o acento?

-Neste momento non temos aínda o número concreto, pero en cubrir as necesidades que atopemos en infantil, en primaria e en secundaria. Este ano vai ser semellante porque a estrutura de idade do profesorado non varía nun ano, pero temos que ter o cadro definitivo das xubilacións.

-Non hai unha etapa con más necesidades?

-Galicia ten a mellor ratio de alumnos por profesor de España xunto con Asturias, de 10,3, e o que facemos é cubrir as necesidades. Non hai unha área que estea peor dotada que outra.

-Anuncian un incremento do 28 % para investimentos a mesma semana que os pais do colexio Monte dos Postes están facendo eles mesmos a obra da biblioteca.

-Neste caso é unha reclamación que lle fan ao Concello. Dende o 2015 a Xunta fixo un esforzo moi notable en acondicionar centros educativos. No 2015 puidemos comezar por unha senda onde fomos capaces de investir uns 20 millóns de euros e no 2016 uns 56 millóns. Cubríronse moitas necesidades, pero quedan aínda moito, porque é o maior parque inmobiliario de toda a Administración. Falamos de 1.100 centros educativos que precisan constantemente arranxos e melloras, e é o que estamos facendo, priorizando as necesidades.

-O comedor volver ser actualidade. É hora de revisar o modelo?

-Estamos a falar dunha enorme escala de xestión, de 10,5 millóns de menús ao ano, de 72.631 usuarios, de máis de 94.000 alumnos que todos os días collen o autobús e van ao colexio. Nun ámbito de xestión tan amplo sempre xorden problemas puntuais. Galicia ten sen dúbida un dos servizos de conciliación e de equidade maiores de España. No comedor fomos capaces de incrementar prazas nestes tempos difíciles e o 80 % dos usuarios teñen un acceso gratuíto. E temos o 25 % do custe do transporte escolar do conxunto de España para o 6 % do alumnado.

-E o do fondo de libros?

-Galicia ten un sistema de xestión de libros perfectamente definido que ten dous piares: o libro dixital e os fondos de libros solidarios, que teñen neste momento preto de medio millón de volumes. Temos un sistema tremendamente solidario, onde concentramos os esforzos nas familias que máis o precisan. Fomos capaces de pór en marcha un sistema de equidistribución e creo que é xusto socialmente e progresivo. Nunca chegamos moito a entender como se xerou tanto debate por esta medida.

-Hai familias que se mobilizan contra os deberes no Nadal.

-Esta é unha campaña que se extralimita. É moi importante que se aposte polo sentidiño porque os deberes non son nin bos nin malos en si mesmos. O que non se pode cuestionar é o traballo dos profesores, e creo que hai que ser racional, a actividade extraescolar non pode entenderse como un campo de batalla de pais contra profesores. Iso é moi prexudicial e ademais lanzámoslles aos alumnos a mensaxe de que fagan caso omiso ao mandato do profesional educativo. Esa é unha mensaxe moi perigosa para a sociedade, porque mañá calquera lles pode dicir aos rapaces que non lles fagan caso aos seus pais.

-O Congreso pediu debater este asunto. Fai falta esa reflexión?

-Reflexionar sempre é positivo, pero ata onde temos información o que se está demandando é que se vaia precisamente ao que xa temos en Galicia resolto: dar autonomía aos centros e consellos escolares.

-E reflexión co informe PISA, cuxos resultados son consecuencia da LOE ou da Lomce segundo a quen se lle pregunte?

-É un éxito colectivo do conxunto do sistema educativo e máis que buscar responsables do éxito e do fracaso, PISA serve para acender as alarmas e situarnos. E debe servirnos para reflexionar, porque é moi positivo que xere un debate, e un debate sobre a importancia da educación. Galicia tivo uns datos moi positivos nos últimos anos, o cal fala de que a posta en marcha do modelo educativo galego está tendo bos resultados.

-A desaparición das reválidas é o golpe mortal á Lomce?

-A Lomce é moito máis que as avaliacións. É por exemplo a FP básica, os plans de reforzo para alumnos con dificultades, as materias de libre configuración, os itinerarios entre aplicadas e académicas... O que se propón é modificar as avaliacións. As avaliacións son positivas, temos que avaliar para poder saber onde estamos, coñecer as nosas feblezas e corrixilas. PISA, sen ir máis lonxe, é unha avaliación. Creo que agora imos empezar a ter poucas escusas para non traballar conxuntamente por un pacto educativo no Estado. As comunidades desexamos ese pacto porque é bo para a sociedade, e a sociedade nos ten demandado, e con toda a razón, que se aparquen as diferenzas políticas.

-Confía en que chegue?

-Eu vou facer todo o posible para acadar ese pacto, e non o fago por min, nin polo meu partido, fágoo porque entendo que é o mellor para o futuro do país e fágoo polos nenos e nenas e os mozos que hai hoxe en España. Non podemos estar constantemente falando de política cando falamos de educación. Temos que empezar a falar de educación en si mesma.

-No redeseño do mapa de titulacións algunhas van desaparecer. Cales?

-Precisamos un mapa para o século XXI. Temos que ter en conta moitas variables: a demografía, a demanda social, a inserción laboral, a singularidade do sistema, a especialización. Temos que ser conscientes de que todo o que se faga o fagamos de común acordo as universidades e a Xunta. Non hai que partir de apriorismos.

«Temos que fomentar o uso do galego con visión positiva, sen tentar impoñer nada»

A Cidade da Cultura comeza unha nova etapa cunha nova xerente.

-A Cidade da Cultura avanza por unha senda na que vai tendo maior presenza, e por iso temos que apostar, por unha maior presenza social, maior actividade cultural, e que progresivamente vaiamos entendendo como noso este recinto.

-En que se vai converter o baleiro que aínda existe no recinto?

-Queremos facer un proxecto de integración paisaxística e propor usos sociais, é dicir, un proxecto que integre e que posibilite que os cidadáns poidan usar ese espazo.

-No tema da lingua, son suficientes as campañas para frear a perda de falantes?

-Galicia non ten un problema de coñecemento do galego, este é un problema de uso. Algo tan íntimo e tan persoal como é a lingua que un usa é unha decisión individual e nós temos que apostar por fomentar o uso da nosa lingua propia e para iso facemos as campañas, pero sempre cunha visión positiva, sen tentar impoñer nada e sen pensar que os que falan outra lingua que non é galego son menos galegos.

«No caso de Oroso o sistema educativo ten que estar atento pero é cuestión das familias e social»

O acoso escolar e a convivencia nas aulas é outro dos temas que preocupan. O último caso foi o da liorta entre dous alumnos do IES de Oroso na que un atacou cunha navalla a outro.

-Medra a violencia nas aulas?

-Galicia ten unha moi boa convivencia escolar, moi boa, non é unha afirmación gratuíta, foi contrastada nunha macroenquisa. O sistema educativo ten que estar atento, pero é unha cuestión do conxunto da sociedade e das familias. O sistema educativo ten as súas responsabilidades e as familias e as contornas sociais teñen as súas. Temos que loitar sempre para previr este tipo de situacións e pór medidas orientadas a previlas e erradicalas.

-E no caso das liortas que se produciron en Lugo?

-Foron fóra do recinto escolar, pero insisto, creo que as familias e a sociedade teñen que ser conscientes deste tipo de situacións, que están máis alá do propio sistema educativo. Non podemos intentar focalizar todas as circunstancias que temos no sistema educativo.