Antonio Rodríguez Miranda: «O voto rogado hai que eliminalo, está limitando os dereitos de cidadáns no exterior»

«Galicia ten un problema demográfico, pero os galegos que marcharon poden volver se poñemos as condicións axeitadas»


Redacción / La Voz

Antonio Rodríguez Miranda (Allariz, 1967) confesa ser un «apaixonado do traballo no exterior», así que, cando o presidente Feijoo lle comunicou que seguiría nesta nova lexislatura á fronte da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, a súa reacción foi de alegría. Alegría e «agradecemento ao presidente e, sobre todo, aos galegos no exterior».

-O xoves presentábanse no Parlamento os orzamentos do seu departamento. ¿Hai novidades?

-A principal novidade dos orzamentos do próximo ano é o reforzo das liñas de traballo para favorecer o retorno da nosa xente, que saíu en diferentes momentos do tempo, para que agora que empezamos a recuperación económica se poidan reincorporar a Galicia. Iso lévanos a intensificar as liñas de retorno, tanto as que están xa en marcha como outras novas. E outra parte é a inclusión dun importe de 500.000 euros para as becas de excelencia para a mocidade exterior, que tratan de que os mozos que están fóra, tanto os que marcharon de xeito recente como os de segundas ou terceiras xeracións, poidan vir e incorporarse ao mercado laboral. Galicia ten un problema de demografía claro pero podemos ter unha vantaxe, que é a presenza dos galegos no exterior e que, se poñemos as condicións axeitadas, poden volver.

-¿O tecido económico de Galicia está preparado para iso?

-É un camiño que estamos andando. A mellora económica de Galicia está aí e temos que ir dando pasos. É un traballo non só noso, senón transversal, e sobre todo da Consellería de Economía, pero eu estou convencido de que a recuperación se vai asentar.

-O perfil dos emigrantes cambiou nos últimos anos porque marchou moita xente nova. ¿Tivo a secretaría xeral que adaptarse a estes cambios?

-Todos somos conscientes de que pasamos unha grave situación de crise económica e é certo que houbo xente que marchou e persoas que regresaran e que volveron saír. Pero hai que matizar moito eses datos, porque Galicia volve ser a comunidade española con menor emigración de toda España e porque entre os que marcharon hai tamén moitos maiores de 65 anos que non deixaron Galicia por motivos económicos, senón para estar cos fillos que están fóra.

-A oposición acusouno no Parlamento de descoidar aos emigrantes retornados.

-Eu creo que para nada. O contacto é continuo e tamén directo, en problemas como os que se están dando coas persoas que volveron de Venezuela e que teñen dificultades coas súas pensións. Nós non temos unha competencia para actuar, pero si estamos pendentes do tema. ¿Que hai que intensificar o traballo? Seguramente si, pero niso estamos.

-Falaba de Venezuela. Falemos de Cuba. ¿Vai cambiar algo tras a morte de Fidel Castro?

-A relación de Galicia e Cuba sempre foi moi intensa, xa desde a época do presidente Fraga. En Cuba hai en torno a 40.000 galegos, e ese número vai seguir subindo. A intensidade desa relación non se pode perder, e non vai cambiar polo falecemento de Fidel Castro. Neste momento no que Cuba está actualizando o seu modelo económico, Galicia quere estar presente e axudar no que poida, e seguramente desa relación vai saír algo positivo para Galicia e tamén para Cuba.

-¿Como están os centros galegos no exterior?

-A verdade é que temos unha grande diversidade de centros. Evidentemente as comunidades no exterior foron cambiando, e o 70 % deses 500.000 galegos que están no exterior xa non naceron en Galicia. Hai un cambio que temos que asumir, porque para nós é unha riqueza excepcional que sigan vinculados á súa terra. Desde a comunidade autónoma estamos traballando para facilitar ese relevo xeracional necesario nos centros galegos. Facemos un esforzo económico para axudarlles, sobre todo aos que teñen un compoñente social, hospitais, centros de maiores... As comunidades galegas son os nosos ollos e as nosas mans para poder detectar situacións de necesidade e para poder chegar a elas.

-Ás veces critícase que os centros galegos son meros perceptores de subvencións.

-Como calquera subvención pública, están suxeitas a unha xustificación e a un control exquisito. Aquel que poida pensar que os centros galegos se quedan nun mero lugar de reunión está lonxe da realidade. Pode haber algún que sexa así, pero son auténticos faros da cultura e centros de proxección de Galicia, e son incluso moito máis ca iso.

-A Xunta Electoral recomendaba hai uns días que os emigrantes votasen por Internet. ¿Está de acordo?

-Eu lin ese pronunciamento da Xunta Electoral e teño que dicir que o comparto nun altísimo grao. A Xunta Electoral afonda no tema e chega ás conclusións ás que chegou a Administración galega desde hai tempo. As reticencias sobre o voto do exterior fixeron que se puxera en marcha unha nova norma, pero o voto rogado non está funcionando, e de feito a participación dos emigrantes, que estaba por riba do 30 %, baixa nalgúns casos ata o 4 ou o 5 %. Calquera se dá conta de que esa porcentaxe é, de facto, case a imposibilidade de exercer un dereito. Moita xente séntese enfadada por ter que rogar o voto cando son cidadáns coma os demais.

-¿Hai que buscar outros mecanismos?

-Hai que buscar outros mecanismos, pero o voto telemático non pode ser tampouco a única solución posible. É un mecanismo facilitador, pero tamén se pode dar a fenda tecnolóxica. Eu creo que o ideal é que o sistema actual se manteña, que se vexa a posibilidade de achegar o máis posible o voto en urna e, por suposto, complementémolo tamén co voto telemático, coas garantías pertinentes, porque creo que temos capacidade tecnolóxica para facelo. O que si é claro é que o voto rogado hai que eliminalo, porque está limitando o dereito a votar a cidadáns no exterior. Un cidadán no exterior ten que poder votar nas mesmas condicións e coas mesmas garantías que aquí, e ese é o noso obxectivo. Desde Galicia na pasada lexislatura houbo pronunciamentos reiterados, e eu espero que nesta lexislatura entre todos os partidos nos poñamos de acordo para solucionalo.

«A intensidade da relación con Cuba non se pode perder e non vai cambiar tras a morte de Fidel»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Antonio Rodríguez Miranda: «O voto rogado hai que eliminalo, está limitando os dereitos de cidadáns no exterior»