Camilo Nogueira Román: «O primeiro reto que ten por diante Galicia é recoñecerse a si mesma»

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOÁN A. SOLER

O exdeputado no Parlamento Europeo e membro do BNG chama a superar o complexo do galego «como lingua de aldea. O complexo da Galicia pobriña»

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira iniciativa política da historia do Parlamento de Galicia data de febreiro de 1982 e leva o nome de Camilo Nogueira (Vigo, 1936). E nela interpelaba sobre o comezo da autonomía. Ao mes seguinte preguntou polo galego e acabou impulsando a Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade. Nogueira é persoa teimuda que sempre fixo da política a arte do posible. Durante sesenta anos loitou por diferentes causas, sempre no campo da esquerda nacionalista, unha traxectoria que foi recoñecida recentemente por toda a clase política galega.

-«A esperanza razoada, a razón esperanzada», que lle di isto?

-É o lema da homenaxe. Pero non o puxen eu eh?, aínda que ten certo parecido cun libro que estou a escribir. Penso que significa mirar as cousas con certo optimismo, sen ser inxenuos.

-É un optimista no mundo do nacionalismo resistencialista.

-É que primeiro hai que resistir e logo facer que algo sexa posible. E creo que debemos acertar sobre o que é a sociedade galega, que é aberta e universal, unha potencia industrial, exportadora como Cataluña, e cunha lingua marabillosa que, sendo negada, resistiu durante cinco séculos falada pola maioría da poboación.

-Que é para vostede Galicia?

-É a miña nación, aberta ao mundo, que me fai pensar tamén nas outras nacións. Os galegos non temos desperdicio ningún en coñecer o mundo, porque somos moito máis que unha parte do Estado español. Moitos pensan que facer un autogoberno é poñer un muro, como se non existise a Unión Europea e non puideramos ir en coche ata Finlandia sen que ninguén nos pida o carné. Xa non caben os muros.

Europa é un proxecto único na historia, que non é nin Estado nin federación, nin confederación...

-Fala o europeísta...

-É que Europa é para ben. Fíxese que está gobernada por un Parlamento elixido democraticamente, que cada vez ten máis competencias, e logo hai un Senado que son os Estados reunidos, pero que codeciden con ese Parlamento. Non hai nada parecido no mundo.

-Gañan Trump e o «brexit», sube Le Pen en Francia. Está en perigo a construción europea?

-Non, e paréceme un sensentido que a UE non aproveite este momento para facer a unión política con máis intensidade. O núcleo central da UE vai perseverar na unidade, porque aínda temos pendente independizarnos dos Estados Unidos e do réxime saído da guerra mundial.

-Pero a tendencia é a reparcelar, a negar a Bruxelas, a erguer muros e buscar solucións nacionais.

-Na UE somos 500 millóns de habitantes, e penso que non hai que dar por definitivo nin o triunfo do neoliberalismo depredador nin tampouco do proteccionismo. É o lugar axeitado para plantarlle cara a todo isto; os riscos están aí, pero se nalgún lugar podemos vencer dende o poder democrático, ese lugar é Europa.

-Volvendo a vista atrás, como se conseguiu artellar o autogoberno galego, o estatus de nacionalidade, cunha posición tan marxinal do nacionalismo?

-Porque se recoñeceu o traballo feito co Estatuto da República, a nosa dimensión como nacionalidade e, aínda que a chegada da autonomía non era o ideal, nós apostamos por iso para empezar a crear a nosa entidade política.

-Máis aló do seu PSG-EG e dos deputados expulsados do BNG, que papel xogaron as outras forzas nesta tarefa?

-Piñeiro, Casares, en xeral os catro galeguistas que participaron como independentes no PSOE, favoreceron moito a construción do autogoberno. E logo había xente na UCD e en Alianza Popular que, aínda que estaban moi influídos polo españolismo, eran galegos de corazón.

-Pode darme algún nome?

-Non sei, pero aí estaría Vázquez Portomeñe. Dende logo que está Albor. Só hai que ver os discursos pronunciados cando votamos a Lei de Normalización Lingüística ou a símbolos que eran realmente emocionantes. E hoxe temos unha bandeira galega máis aceptada que a española, unha lingua propia asentada no Parlamento, que puido non ser así. O propio PP non ignora o carácter nacional de Galicia, non se atreve a proclamalo, pero xa recoñece que o galego e o brasileiro son case a mesma lingua.

-Cal é o principal desafío de futuro que ten Galicia?

-O primeiro reto que ten por diante Galicia é recoñecerse a si mesma, a lingua, a cultura, a nosa capacidade económica, sentirse que podemos gobernarnos nós mesmos, sen negar a interdependencia cos demais.

-O reto de autoestimarnos...

-Si, iso é, e tamén de ter unha idea do valor da chuvia. Ou queremos que non chova? Superar o complexo do galego como lingua de aldea. Complexo de Galicia pobriña? Hai grandes empresas polo mundo que son galegas, e xa non falemos dunha moi especial [Inditex], que moito presumirían dela se estivese en Cataluña.

-Ten futuro o BNG como proxecto político?

-Non debo entrar niso. Eu sempre defendín unhas posicións no BNG, que respectaron, aínda que frecuentemente non se asumiron.

-E debe mellorar o seu vínculo con En Marea?

-Totalmente, pero non quero facer diso un titular. Hai que reforzar o vínculo das forzas políticas galegas, porque se algún día hai un Estado plurinacional, hai que estar preparados para responder a ese desafío con forzas propias. E penso que debería haber un entendemento, aínda que agora haxa dificultades para o acordo. O mellor é traballar para que haxa un entendemento entre as forzas propias, ou entre as que recoñecen a Galicia como nación, e espero que sexa posible.

-En que modelo ve reflectido o que lle gustaría que fose Galicia?

-Claramente nun país nórdico, Dinamarca ou Suecia, onde predomina o Estado do benestar e que está dentro da Unión Europea. Podemos chegar aí, pero preocúpame que Galicia non estea preparada para a creación dun Estado plurinacional.

«Logo do ‘brexit’ e do triunfo de Trump, o núcleo da UE vai perseverar na unión con intensidade»

«Na UCD ou en AP, aínda que influídos polo españolismo, había xente que era galega de corazón»