Paz Filgueira: «Outros non verbalizan o que di Trump, a cuestión é o que pensan»

e. v. pita VIGO / LA VOZ

GALICIA

Oscar Vazquez

«Como lle digo a unha moza de 14 anos que ela é igual sen ter emprego nin axudas para parir?», pregunta

13 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A xuíza de violencia sobre a muller número 1 de Vigo, Paz Filgueira, investiga tres crimes machistas na cidade e dous intentos de homicidio. Nun ano mandou á cadea a unha ducia de violentos maltratadores. Esta mesma semana procesou a un asasino confeso. Confirma que as denuncias de malos tratos están a baixar, aínda que é prudente e esperará a ver se segue esa tendencia. Sospeita que moita violencia é invisible porque coa crise algunhas mulleres seguen a depender do home e non denuncian acosos nin violencia sexual. «Encantaríame que España cumprise o convenio de Estambul para visibilizar o que ocorre coa muller e os nenos, grandes olvidados», di.

-Hai moito maltrato invisible?

-Si. Por exemplo, aflora nos servizos de universidades de Galicia. Unhas coordinadoras asesoran a vítimas da parella ou exparella. Se ti te desprazas do pobo á cidade a estudar, a exparella vaite molestar ou acosar pero logo iso queda no esquecemento se non denuncias. Son condutas estereotipadas que non quedan rexistradas nas estatísticas. Eu boto de menos unha visión integral para poder informar ao poder público. No Observatorio da Violencia sobre a Muller visualizan as denuncias dos xulgados pero o outro queda invisibilizado.

-Que observa en Galicia?

-Aquí a familia segue a ser un grupo moi importante. En Madrid e nas grandes cidades, as persoas están máis illadas das súas familias. Aquí temos máis capacidade de evitar a situación de maltrato porque poden regresar á familia, que pode protexer á filla e refuxiala. Se se mantén o numero de denuncias non é porque non exista a violencia, é que non se visibiliza. E isto é preocupante para un Estado. Os poderes establecidos requiren que o home non perda o poder.

-E non ve violencia xuvenil?

-Non. En Galicia hai unha tendencia en función da situación económica. Unha rapaza de 20 anos que convive ou non cunha persoa, non ten fillos, está cos pais, e así é máis fácil denunciar.

-Dise que antes o home daba malleiras a agora mata.

-Antes había menos número de crimes pero é lóxico porque non había divorcio e a muller non tiña traballo. Se eu me quedo na casa e crío os fillos e ti pagas a hipoteca, o coche e me mantés, eu non denuncio porque non che podo deixar. Non hai tal amor romántico, o matrimonio é un contrato. En 30 anos demos un salto social dun século e que o asimilen ambos sexos é moi difícil. Galicia segue sendo tradicional.

-Hai un conflito cultural?

-Os rapaces de 20 anos seguen a pensar que a parella é para toda a vida e, educacionalmente, esa idea non se debe perpetuar. Os homes non son máis violentos pero se aos 20 e 30 elas non teñen traballo nin fillos nin coche nin hipoteca, ¿que interese vai ter unha muller en estar cun home? Os novos ven que seu pai casou coa nai e seu avó coa avoa, e agora atópanse coa realidade. As mulleres foron liberadas sexualmente pero non teñen compensación pola reprodución.

-A elección de Trump vai prexudicar a igualdade da muller?

-¿É diferente Trump de Berlusconi, Hollande, Putin? Penso que non. Outros mandatarios non verbalizan o que di Trump, a cuestión é o que pensan. Moitos homes invisibilizan que eles comparten o que di Trump: que as mulleres son obxectos de decoración que deben acompañalos. Se Michelle Obama vai no futuro á Casa Blanca, iso será un salto importante para a muller.

-Hai universitarias acosadas?

-Nalgúns campus, cunha maior sensibilidade ou porque algunha profesora voluntaria fai o papel de coordinadora, cóntanme que ás veces conseguen que as alumnas acosadas denuncien e outras que non, que é a maioría. Pero eses relatos de maltrato latente quedan xa visibilizados. Igual pasaría nos institutos, nun centro de saúde, ou cos menores nos centros escolares. Non existen quizáis protocolos nin medios para detectar situacións de maltrato fóra da denuncia.

«As campañas contra o maltrato son sesgadas e dirixidas á muller»

-Pese ás campañas pola igualdade, os mozos son machistas?

-¿Que tipo de campaña se está a facer nos institutos? ¿Existe algunha materia cívica? Eu creo que non. As campañas no instituto só van dirixidas á vítima, ás señoras, a nós. Son vostedes as que teñen que poñer os medios para que isto non suceda. As campañas son sesgadas e dirixidas sempre á muller: ‘Que non te controlen o móbil’. Deberían falar a ambos sexos e dicir: ‘Non controles ti o móbil’. É igual que o 016. O teléfono de axuda á maltratada debe existir pero non pode haber un único 016. Depositas na vítima a responsabilidade de iniciar unha denuncia cando ao mellor nin se decata do maltrato.

-E logo, seica non funciona a educación na igualdade?

-A educación hai que vela nun contexto de crise económica, de non poder acceder a un emprego, de non protexer suficientemente aos menores nin á maternidade, de desigualdade entre as persoas porque os homes non se acollen á redución de xornada. Se eu me quedo embarazada son eu a que me aparto do mundo laboral. ¿Que lle vou dicir a unha moza de 14 anos que vai ter que parir sen axudas nin incentivos para ter fillos e que ademais é posible lle impoñan a custodia compartida? Se ela nunca vai poder acceder ao emprego nin a tempo completo, a desigualdade está servida pero vouna educar na igualdade. Pero ¿en que é igual?

-A actual lexislación axuda a reducir os malos tratos?

-A violencia contra a muller é unha cuestión ancestral, existe en todo o mundo. Na Europa dos 25, o maior número de mulleres mortas pola súa parella está en Suecia e Dinamarca, con 90 casos por ano, en países con 4 ou 5 millóns de habitantes. Nos países nórdicos as mulleres teñen emprego e a figura masculina é máis prescindible. Por iso, hai máis mortes. Se eu digo con más frecuencia que non, o risco é maior.