Miguel Santalices: «Esta ten que ser a lexislatura na que se recupere o respecto institucional»

Deputado dende o ano 1997, o presidente do Parlamento de Galicia aposta por unha Cámara produtiva na lexislación, porque é o que pide a xente


Santiago / La Voz

O seu pai sempre lle dixo que non se metera en política porque taparían as súas virtudes a agrandarían os seus erros. Pero Miguel Santalices Vieira (Bande, 1955) no lle fixo caso. El cre que o seu proxenitor estaría hoxe orgulloso de velo como presidente da primeira institución galega.

-Que agarda desta lexislatura?

-Que poidamos mellorar a produción lexislativa. E iso que xa fomos a Cámara que máis traballou. Tamén agardo que ampliemos os mecanismos de participación institucional: o Parlamento ten que estar metido na sociedade. E imos ser tamén os pioneiros en presentar o portal xurídico en galego.

-Nada máis?

-Si. Onte tamén apelei a que esta ten que ser unha lexislatura na que se discuta en profundidade dos temas que lle preocupan á cidadanía, pero dende a óptica do respecto institucional. Isto debemos recuperalo.

-Cre que En Marea se vai parecer a AGE no seu comportamento parlamentario?

-Non ten por que. É certo que hai confluencias. Pero o que máis vai importar é como entran eles na dinámica da Cámara. Ao que si apelo é a que teñamos unha grande capacidade produtiva, porque é o que demanda a xente.

-Vai botar de menos a Beiras?

-Haberá unha certa nostalxia. Para min foi moi duro expulsalo, pero non me quedaba outra alternativa. Eu prefiro lembrar o Beiras daquel debate con Fraga onde se plasmaron cousas importantes para Galicia. Foi construtivo. Remataron dándose a man.

-Non é aburrido levar un Parlamento con maioría absoluta?

-Non. Da moito xogo. Hai que estar atento a todo o que se di. Require unha grande capacidade de concentración. Xorden cousas enriquecedoras. Recordo que unha vez tiven que ir ao dicionario para buscar unha palabra por se era ofensiva. Non lembro agora cal era.

-Que pensa cando escoita que o PP aplica «o rodillo» da maioría?

-Pois que non é certo. O mellor exemplo foi a lei da dignidade dos enfermos terminais. A proposta foi do PSOE, incorporamos suxestións da rúa. Estou moi orgulloso daquilo.

-Cal é o seu mellor e peor recordo do mandato anterior?

-O peor foi cando tiven que expulsar a Fernández Calviño, de AGE; levaba pouco de vicepresidente e tíveno que expulsar porque foi ata o escano do presidente e tirou alí uns sobres. O mellor, sen dúbida, foi o día que me nomearon presidente do Parlamento.

-Por que cre que a rúa ve o Parlamento como un lugar de privilexiados, no que se traballa pouco e se cobra moito?

-É certo que hai esa visión. Ten que ver cunha desafección política moi grande e quizais tiñamos que facer todos un esforzo de comunicar mellor o que é realmente a función do Parlamento. Niso están facendo un labor divulgativo moi grande os nosos exparlamentarios. Os deputados están retribuídos digna e magnificamente, pero a súa función non é só vir aquí a plenos e comisións. Hai un traballo fóra no que se obtén información, de reunirse cos colectivos. Todo iso ten un custo. E a xente ten que sabelo. Un parlamentario que non conecta coa sociedade é un parlamentario perdido.

-Debe baixar o número de deputados?

-Ese debate iniciouse a lexislatura pasada e non houbo consenso. Está aparcado. Imos aplicar un dos proverbios de Ourense que di que imos velas vir. Xa se verá.

-Pero vostede é partidario de reducilos ou non?

-Eu son partidario de que a sociedade debe ter unha moi boa representación dentro do Parlamento. A partir de aí se pode falar do que queiramos. Os soldos dos deputados son dignos e non son partidario de baixalos.

«De José Luis Baltar aprendín que en política é fundamental a cercanía coa xente»

O Partido Popular, que logrou 41 escanos o pasado 25 de setembro, ten agora tres de cinco postos da Mesa do Parlamento galego. Os outros dous os reparten entre o PSOE e En Marea.

-Non cre que deberían estar representados nese órgano tódolos grupos políticos?

-A Mesa ten que ser un reflexo da Cámara. Todo é opinable. Eu entendo que todos os grupos queiran estar lexitimamente, pero as cousas están establecidas así e tampouco nunca se abordou o debate de ampliar os membros da mesa. O meu despacho está aberto. E isto significa que estean ou non nese órgano eu vou escoitarlles calquera demanda. A miña porta está aberta sempre. O BNG e a súa portavoz saben que a miña man está tendida.

-A vostede se lle considera sempre un home próximo a Baltar. Que ten que dicir diso?

-Pois que é verdade. Teño un gran aprecio tanto por José Manuel como por José Luis. E aprendín moito en política con eles. Do primeiro valoro a súa capacidade de estratexia e a súa capacidade organizativa. É un home metódico. De José Luis aprendín que en política hai unha cousa que é fundamental: a cercanía. O político ten que estar metido entre a xente. A min chamoume no 1997 despois de facer unha boa xestión nun hospital.

-Que ten que facer un presidente dun Parlamento para desempeñar un papel imparcial e ser un bo árbitro?

-Hai que facer unha cousa á que eu onte apelei. Se pode ser un deputado aguerrido e se poden dar respostas se todos nos respectamos institucionalmente. Cada quen pode gañar esas contendas sempre sen faltar ao respecto. Eu fun un deputado aguerrido. A confrontación pode ser enriquecedora. Eu teño que deixar que ese xogo se faga de xeito libre, sen interromper.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Miguel Santalices: «Esta ten que ser a lexislatura na que se recupere o respecto institucional»