-¿Un rapaz con 15 anos pode decidir xa se se orienta ás ensinanzas académicas ou aplicadas?
-É que non é unha decisión so do alumno, é tamén da familia, e terán que participar titores e profesores.
-¿Hai que racionalizar o calendario das universidades e da secundaria?
-Estamos nun proceso de negociación. Non é unha cuestión fácil porque hai moitísimas variables, pero entendemos que hai que racionalizalo. Temos que buscar un punto de encontro para axustar o calendario pre universitario e o universitario, pero ten unha translación directa moi importante na vida de moitas familias, polo que hai que ter uns certos consensos. Creo que ten que ser unha cuestión xenérica no conxunto do Estado, non é moi serio que dentro de España haxa dezasete calendarios escolares diferentes.
-Pero hai que cambialo.
-Non digo que haxa que cambiar, pero hai que racionalizar.
-¿Introducirase unha semana branca como piden moitos?
-É o que plantexou Cantabria, e alí xerou un enorme debate social con moitas familias en contra. Co cal, isto non é unha cuestión que se poida facer de xeito unilateral e mirando á galería.
-Os sindicatos lamentan que tantos profesores teñan que dar materias das que non son especialistas, as chamadas afíns.
-A calidade da docencia mellorou nos últimos anos, e así o confirman informes como Pisa, polo que dubidar da capacidade e do interese dun profesor que dá unha afín creo que lle fai pouco favor a uns docentes que se esforzan por facer ben o seu traballo, e que ademais o acreditan cos resultados.
-¿Vai haber oposicións no 2017?
-Desde Galicia sempre nos pareceu que a medida da taxa de reposición impulsada polo Partido Socialista era prexudicial, loitamos para que esta taxa se incrementase, e chegamos o ano pasado ao cen por cen. Nese sentido estase traballando como se ten que facer, convocando todas aquelas prazas necesarias.
-¿Haberá entón?
-Ten que haber.
-Aumentaron os concertos en FP este curso, e moitos non entenden que suba o ensino concertado.
-Incrementouse por unha sinxela razón, porque os cursos de FP pasaron a ter dúas mil horas e tamén os módulos da FP básica. Ademais aumentamos seis unidades de educación especial. Entendo que todo o que sexa apoiar a educación especial ou a FP nas marxes legais hai dereito a facelo.
-Podería facerse nos públicos.
-Podería, pero os institutos públicos e concertados forman parte da mesma rede, a rede sostida con fondos públicos.