Carmen Santos: «Falar de candidato de consenso e de primarias é contraditorio»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOÁN A. SOLER

A secretaria xeral de Podemos confía en que «todo irá ben», pero se non hai coalición empraza a cúpula das mareas a explicalo ao pobo

05 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A viguesa Carmen Santos (Queiruga, 1981) chegou á dirección de Podemos Galicia no mes de abril. En Madrid, nas bases do partido e incluso entre os seus adversarios internos coinciden en que esta semana tomou de verdade o mando ao promover unha consulta na que gañou a súa tese e coa que evitou a disolución da formación na marea, coa que agora ten que negociar para crear unha coalición.

-¿Que lle pareceu a agre e doce benvida de Noriega e Ferreiro?

-Teño o máximo respecto á reacción dos nosos aliados, e entendo que xa teñen artellado un espazo e un procedemento ao que, polos tempos internos de Podemos, non puidemos sumarnos, pero é que tampouco entraba na nosa idea construír dese xeito. Nós pensamos que estas diferenzas para facer unha candidatura común suman e multiplican, porque non é unha mestizaxe, o obxectivo é entrelazarnos de xeito harmónico. Hai que afinar un pouquiño máis para que todo saia adiante, pero iso vaise superar.

-¿Iniciaron os contactos?

-Hoxe (por onte) falei con Noriega, e intercambiei mensaxes con Ferreiro. A súa visión é lóxica e lexítima, pero o que pretendo é establecer unha reunión para mañá (por hoxe) para traballar en sintonía. Hai que buscar a candidatura común con honestidade e lealdade.

-¿Cal é o principal atranco para que non chegue a coalición?

-Para nós a fórmula xurídica non pode ser un impedimento. A cidadanía non entendería que tras unha votación de 6.000 persoas non houbese acordo. Eles sábeno e obrarán en consecuencia. Ademais, con todo o respecto, a súa asemblea tivo unha participación menor.

-En Marea xa ten o seu candidato, Luís Villares, ¿aceptaríao Podemos?

-Non se pode falar de primarias e de candidato de consenso, é unha contradición. O candidato ten que ter o respaldo dunha votación democrática. Agora hai urxencia pola coalición, pero despois hai tempo para saber quen ten o maior respaldo cidadán.

-Nestes intres hai dúas primarias paralelas abertas. ¿Son compatibles?

-Baixo ningún concepto é un problema. Pódense seguir parámetros de representatividade sempre que haxa criterios democráticos, e non de nomes, como ocorreu no proceso anterior. A partir de aí pódese buscar un proxecto que represente a todos.

-¿Vostede aspira a ser a primeira presidenta da Xunta?

-É unha decisión seria e pensei niso, pero agora temos reunións para conformar unha candidatura participativa e despois xa se verá quen a encabeza. Case me preocupa máis que estean representadas todas as sensibilidades da organización. Pero é unha decisión tan profunda que non teño agora mesmo unha resposta. O que eu querería para Galicia é unha Manuela Carmena que represente a todo o espazo común.

-Aínda ten resistencias internas. ¿Poden influír nas negociacións?

-En todas as organizacións sempre hai xente que non está conforme, en todas: no traballo, na vida... E é certo que en Podemos Galicia hai certa xente que perdeu un proceso interno e que agora está noutro proxecto político. Nós temos respecto por eles e teremos toda a paciencia posible para que sumen e acepten o resultado.

-En Marea parte dunha posición moi firme, ¿teñen un plan B?

-Se hai ruptura será a outra parte a que terá que explicar porque non chegan a un acordo. No noso caso non foi unha decisión de cúpulas, foron 6.000 persoas as que falaron dende abaixo. Pero penso que irá todo ben.

«Teremos paciencia con certa xente que perdeu o proceso interno e agora está noutro proxecto»