«É alarmante que todos os sectores aeronáuticos alertemos do mesmo»

Tamara Montero
tamara montero REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Xoán A. Soler

Afirma que detrás das súas denuncias non hai ningunha reivindicación laboral, só preocupación

26 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Susana Romero é controladora aérea no aeroporto de Santiago e secretaria de comunicación do sindicato de controladores aéreos USCA, que vén de alertar de que hai aeroportos que traballan ao límite nesta temporada de verán.

-Deron a voz de alarma sobre que hai aeroportos traballando ao límite. ¿A situación en Galicia é complicada?

-Aquí había unha falta de controladores dende sempre. De feito, no ano 2010 fomos o primeiro sitio onde se esgotaron as xornadas máximas. Ese mesmo ano, Aena convocou 11 prazas novas, que era o 40 % do cadro de persoal. A partir do 2011 eses problemas que estamos vendo, especialmente en Palma e Barcelona nós non os temos.

-¿Pódese chegar a unha situación como a do 2010?

-O que sucede é que dende o 2006 non se convocan prazas para controladores aéreos. Os últimos controladores entraron no ano 2010, que son os últimos que saen da escola de formación que aprobaron no 2006. É certo que o tráfico baixou, aínda que parece está repuntando, e co agravante de que temos un cadro de persoal moi envellecido.

-Dunha media de 48 anos.

-Si. Iso significa que todos os anos vai haber máis xubilacións das desexables. Entre este ano e o que vén, 93 controladores van xubilarse.

-Pero Enaire anunciou que hai 100 prazas novas para o 2016, 39 que se convocaron agora e outras 61 xa aprobadas.

-Eles din que convocaron 39 prazas, que é certo, pero que non van estar traballando o ano que vén, é imposible, porque aínda non seleccionaron a esas 39 persoas, teñen logo que formarse, que lles dan 18 meses, e logo teñen que ir ás dependencias ás que os manden para formarse alí, onde teñen que aprender os procedementos e tamén traballar cun titor ata que decida que están listos.

-¿E o próximo verán?

-O verán que vén imos estar falando do mesmo ou incluso peor, porque vai haber máis xubilacións e as previsións son que o tráfico siga en aumento.

-¿Pero pódese solucionar?

-Realmente é algo ao que non lle vemos solución a curto ou a medio prazo, porque non poden aparecer 300 controladores de repente, isto leva tempo. Os compañeiros de Barcelona e de Palma están traballando moitísimo e con moito tráfico, e os niveis de fatiga son considerables, non lles dá ás veces tempo a recuperarse dun servizo a outro. Tamén ven que isto vai acontecer igual o ano que vén e iso estalles causando moitísima frustración e tamén tensión.

-Se se comeza a reforzar agora o persoal, ¿cando pode estar arranxada a situación?

-De aquí a cinco anos tería que haber convocatorias anuais de controladores. O que nos preocupa é que non se teña en conta o que se está dicindo.

-¿Como aconteceu con Vueling hai un mes?

-Os pilotos e o persoal de cabina advertiron de que esa situación se podía dar. Agora Air Europa vai á folga por algo semellante. Realmente é preocupante que todos os colectivos do sector aeronáutico esteamos alertando do que está sucedendo, de como estamos indo ao límite e iso non xere unha preocupación por parte das compañías, primeiro, e do ministerio, despois. Queremos que se escoite o sector e que se vexa que se estamos dicindo algo é porque é preocupante. Aquí non hai ningunha reivindicación laboral, estamos falando do que acontece e de como se está traballando neste momento. Dicímolo porque nos preocupa e porque cremos que o servizo que estamos dando ás veces non ten a calidade que debería de ter.