Alfredo Crespo: «Cos dedos dunha man pódense contar os sábados que quedei na casa»

Este rapaz de Oza-Cesuras de 17 anos obtivo 6 deces e un 9,25 nos exames da selectividade sen renunciar ao seu ocio

«Cos dedos dunha man pódense contar os sábados que me quedei na casa» Entrevista a Alfredo Crespo, mejor nota de Galicia en la Selectividad

A Coruña / La Voz

Un rapaz da aldea de Mangoño de Abaixo, en Oza-Cesuras (A Coruña) acaba de rozar a perfección na selectividade en Galicia cunha nota de 13,94 sobre 14, a máis elevada neste ano entre os case 11.200 alumnos presentados. Alfredo Crespo estuda no instituto As Mariñas de Betanzos, un centro que incha peito grazas a el, pero tamén a outras alumnas que obtiveron notas moi elevadas na proba. Logo de darlle os parabéns, a entrevista comeza cun tirón de orellas.

-Galegofalante e vai e pincha no exame de Galego...

-[Ri] Xa ao saír do exame me decatei do fallo. Era unha pregunta fácil, foi un erro tonto, todos os compañeiros da clase a contestaron ben e eu, logo de argumentalo ben, optei pola resposta incorrecta.

-Foi o mellor de 11.200, ¿que auga bebe?

-Pois unha moi rica dunha fonte preto da casa, non podo promocionar ningunha auga embotellada. Creo que tanta sabedoría non teño, axudáronme moito os profesores. Dicían que o meu instituto tiña un nivel baixo e quería demostrar que non, que ninguén regala nada e que é un centro educativo tan bo coma outros, se non mellor.

-Ten un expediente académico envexable, pero este domingo non vai poder votar.

-Falando mal, é unha putada, pero cumpro os 18 en decembro.

-¿E tería claro o voto?

-Mmmmm, non hai un partido ao que me afiliaría. Si teño ideas bastante claras pero que non se axustan na súa totalidade a algún dos partidos en liza.

-Sospeito que durmía ben na época de exames.

-Pois si, aínda que me tiña que erguer moi cedo, ás seis e media, para coller o bus en Betanzos para ir á Coruña.

-¿Xa ten claro que carreira vai escoller na universidade?

-Pois non. Eu fixen o bacharelato por ciencias. Gustaríame facer unha enxeñería industrial, hai un lote delas, ou un dobre grado de Matemáticas e Física.

-Algo sinxelo, para abrir boca.

-[Ri] Si, bueno, sinxelo, ejem...

-Seica non renunciou a saír de marcha durante o curso.

-É certo. Cos dedos dunha man podes contar os sábados que quedei pola noite para estudar. Pero ollo, non ate moi tarde, como cando saes no verán. Penso que hai que quedar igual cos amigos, hai tempo para todo. Quedar pechado todo o tempo a estudar na habitación non é san.

-¿Que lle dixeron na Xunta?

-Chamáronme para dicirme que era a mellor nota de toda a selectividade e invitáronme a un acto para a vindeira semana. E xa lles dixen que imposible: o domingo marchamos os do instituto unha semana a Cádiz, agora toca descansar e pasalo ben.

-¿Xa se decatou de que vostede pode ser a última mellor nota da selectividade?

-Si, son consciente diso. O sistema que había non era tan malo, pero coa Lomce vai ser terrible. Hai que ter un sistema de selección para acceder á universidade, pero o título de bacharelato non pode depender dun exame, un mal día teno calquera.

Votación
25 votos
Comentarios

Alfredo Crespo: «Cos dedos dunha man pódense contar os sábados que quedei na casa»