Os apicultores impulsan a posta masiva de trampas para frear a expansión da avespa velutina

María Santalla REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ANGEL MANSO

Distribúen 3.000 aparellos entre os profesionais do sector co obxectivo de eliminar 30.000 raíñas

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Galega de Apicultura (AGA), no seu afán de combater a avespa asiática, puxo en marcha unha campaña masiva de trampas que xa comezou e que se desenvolverá ata o mes de xuño. O programa Stop Velutina pon en movemento a 500 apicultores para desenvolver, ao longo destas semanas nas que as avespas comezan a traballar, unha captura intensiva de raíñas. O obxectivo final desta iniciativa é conseguir frear a expansión desta especie invasora polo territorio galego.

Para poñer en marcha esta campaña, o colectivo distribúe 3.000 trampas cos seus atraentes entre medio millar de apicultores. Con este material pretenden capturar arredor de 30.000 raíñas de velutina, o que significaría que deixarían de nacer uns 540 millóns de avespas, pois se calcula que cada raíña apresada en primavera se traduce na eliminación de 18.000 exemplares de avespa.

O programa comezou hai unhas semanas, pero será a partir de agora cando se intensifique, pois o mal tempo retrasou o inicio do ciclo das avespas. «Pola costa xa recollemos moitas raíñas, pero no interior de momento pouco, porque son moi sensibles ás temperaturas», explica Jesús Asorey, portavoz de AGA. Así que será nas próximas datas, cando as temperaturas comecen a subir, cando a maior parte das raíñas empecen a facer os seus niños e a poñer os seus ovos. É este o mellor momento para capturalas, posto que estes niños primarios se sitúan case sempre en lugares accesibles. Despois, unha vez que o niño acade certo tamaño, trasladarase, e o enxame elixirá como novo asentamento un lugar máis inaccesible, habitualmente a gran altura.

Así que os apicultores de AGA están dispostos a plantar agora a batalla contra unha especie que fai estragos na poboación de abellas, pois a velutina mata a avespa autóctona e as abellas para alimentar as súas larvas. «A previsión é que a avespa asiática aumente moitísimo, e que siga estendéndose por Galicia, pero a ver se entre este programa de captura de primavera e o mal tempo que fixo conseguimos frear esa expansión», di Asorey.

A presenza da velutina en Galicia medrou de xeito vertixinoso nos últimos anos. Se o ano 2013 se cerrara con 17 niños retirados, segundo os datos dos que dispón a Xunta, ao rematar o 2014 eran xa 941 niños e había 70 concellos afectados. Ao longo do 2015 xa se detectaron niños desta especie en máis da metade dos concellos galegos, e retiráronse máis de 8.000. As previsións dos expertos apuntan a que a súa extensión pola comunidade continuará. Ata o de agora a súa presenza é máis intensa no litoral das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo, pero no caso das dúas primeiras xa se detectou a súa presenza, ao longo do ano 2015, en case todo o seu territorio. De feito, pénsase que chegará a colonizar toda Galicia agás as montañas de Lugo e Ourense, porque esta especie non se desenvolve ben en alturas superiores aos 200 metros.

Un estudo para determinar cales son os mellores métodos de captura

Ao mesmo tempo, o programa Stop Velutina inclúe unha faceta investigadora coa que se tratan de diagnosticar os mellores métodos de captura e control da avespa co menor impacto posible sobre outros insectos. Precisamente un dos maiores problemas das trampas para capturar a velutina é que nelas tamén cae a avespa autóctona e as abellas, que ademais de sufrir os ataques da avespa asiática, morren tamén moitas veces nos cebos que se poñen para capturala.

O obxectivo, polo tanto, é extraer conclusións sobre os métodos que se poden usar para combater a velutina de xeito eficaz e representando o menor dano posible para as outras especies.

O proxecto está coordinado, a nivel científico, por Sandra Rojas Nossa, da Universidade de Vigo. Xunto a ela, un equipo de traballo constituído por socios de once delegacións comarcais de AGA realiza os traballos de campo con vistas a poder ter conclusións reveladoras cando finalice a tempada. De feito, a previsión é que a principios de xuño, na Mostra Galega de Apicultura que se celebrará en Arzúa, se presenten xa as conclusións da primeira fase do programa.