«As forzas da reacción poden aproveitar as nosas contradicións para remontar»

Carlos Punzón
carlos punzón SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán A. Soler

A número tres de Podemos di que non hai tempo para falar dun novo acordo para En Marea como reclama Anova

14 may 2016 . Actualizado a las 11:04 h.

Os seus xestos e miradas contestan ás preguntas antes de que verbalice as respostas. Carolina Bescansa (Santiago, 1971) non está cómoda falando dos conflitos internos de Podemos ou de En Marea, teme que os seus rivais fagan panca neles e recuperen terreo. Minimiza, e ata nega estar a xogar algún papel nas conversas para reeditar con Anova e EU a coalición para as xerais, pese a ter falado onte con Beiras no Parlamento galego tan só unhas horas antes da entrevista, aínda que non transcendera ata despois.

-AGE obtén nas autonómicas 200.000 votos e logo racha. En Marea 408.000 nas xerais e sómese nun cruzamento de reproches. ¿Por que esa tensión interna que fai que falen máis do seu que do de fóra?

-Estamos nunha situación de excepcionalidade histórica que fai que sexa moi difícil manter os equilibrios. Co 15M abriuse un proceso de transformación que fai que se volva inestable o que era estable. Estamos a asistir a un sistema de partidos que está morrendo e outros que están nacendo e están chamados a transformar a forma de facer política. E é normal que nese tránsito teñamos crises de crecemento.

-¿Veu a Galicia a mediar?

-Non. A estrutura de traballo de Podemos ten moi ben definidas esas responsabilidades. A nova secretaria xeral, Carmen Santos, é a responsable de levar a cabo as interlocucións. Ten moi pouco de excepcional que eu estea aquí.

-¿Non veu entón de casco azul?

-Non hai causa para iso. Hai un acordo moi claro entre as partes de renovar a estrutura de En Marea para as xerais. É unha aposta óptima, a que vai favorecer os mellores resultados para o cambio en Galicia e veño a axudar aos compañeiros, nada máis alá diso.

-Pois Anova pretende que a asemblea de En Marea de mañá decida que se vote entre as bases da coalición se ir as xerais en coalición ou como partido.

-Somos perfectamente respectuosos coas decisións de cada forza da coalición, faltaría máis, e respecto a consulta de Anova.

-Pero eles o que queren é que voten as bases de En Marea, non Anova polo seu lado, e que non só se vote respecto a coalición galega en Madrid ou Murcia ou só Podemos e EU aquí.

-Esta situación é excepcional polos prazos, porque chegamos ao final esperando que o PSOE entrara en razón. Non foi posible e os prazos son os que son, e non hai tempo para nova negociación. Pero o camiño é moi longo.

-¿Discrepa entón de Beiras cando reclama modificacións para que o suxeito político galego se visualice máis en En Marea?

-Teño moitísimo respecto por Xosé Manuel Beiras. A súa traxectoria política é tal que estando de acordo ou non hai que escoitalo porque é unha opinión fundamental. Dito isto, sinto un pouco de pena de que levemos dez minutos falando e non o fagamos das propostas para formar goberno e das que temos para as autonómicas, porque nós estamos ante un reto enorme, o de gobernar, o da transformación do réxime.

-O que está a reflectir nestes días En Marea son seus conflitos, non propostas políticas.

-A xente de En Marea coa que traballo si está a falar doutras cousas. Propuxemos facer unha comisión de investigación de Angrois cun traballo admirable rexeitado polo PP e o PSOE. Unha vergonza. Un dos obxectivos do 27 de xuño é avaliar esa comisión.

-De Angrois escribimos e seguimos a escribir moito, pero agora toca falar de En Marea.

-Non é unha crítica aos medios de comunicación. Pero penso que temos que estar á altura do momento crucial que temos diante co respecto que precisan as relacións entre organizacións. Este sistema está morrendo e pode ocorrer que as forzas da reacción aproveiten as nosas contradicións, as deste espazo, para unha remontada e pechar a fiestra da oportunidade. Nós podemos gañar as eleccións en España e en Galicia, iso non é o máis difícil, o é cambiar as cousas.

-¿Preferiría defender o seu proxecto sen os condicionantes identitarios dos nacionalistas?

-A base identitaria da cultura galega non está en cuestión. Que en Galicia existe una identidade cultural diferencial é como que a terra xira arredor do sol. Penso que agora o que temos enriba da mesa é unha ameaza frontal a manter os servizos públicos funcionando de xeito gratuíto, público e universal, e temos unha ameaza á democracia pola vía da corrupción. Eses son os grandes retos.

-Déixeme que lle pregunte por Podemos. ¿Non é estraño que os derrotados no proceso interno do seu partido en Galicia sigan a ser candidatos ás xerais?

-Podemos é unha estrutura grande é plural. Non hai unha soa liña, e pensar que só os que están de acordo coa dirección poden ocupar responsabilidades é non entender o que é Podemos.

-Pablo Iglesias dixo que En Marea será a folla de ruta para as autonómicas, Carmen Santos engade que sempre que gañe peso Podemos nesa fórmula, pero os seus deputados galegos teñen apostado por facelo coan mareas locais. ¿Como se conxuga iso?

-¡Mira!, estou realmente preocupada de que non me fagas unha pregunta sobre Ence, sobre o cerco, sobre a sanidade, sobre o noso programa... Quedo preocupada, penso que algo temos que estar facendo mal. Insisto, a diversidade, a pluralidade o respecto á diferenza forman parte do ADN de Podemos. Que ninguén pense que a unidade de acción nega a diversidade de opinión.

-Probo con está. ¿Cal é o seu perfil de candidato á Xunta?

-Un forte compromiso democrático, comprensión de que estamos representando unha realidade múltiple, e compromiso cun código ético moi estrito que afaste a corrupción das institucións e as poña ao servizo da xente.

Beiras e Bescansa acordaron onte no Parlamento repetir a alianza de En Marea sen cambios

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, e a secretaria estatal de Análise Política de Podemos, Carolina Bescansa, acordaron onte nunha reunión celebrada pola mañá no Parlamento de Galicia non variar por ambas partes o acordo político con que concorreu a coalición tripartita En Marea ás pasadas eleccións xerais de decembro.

Segundo fontes da alianza electoral, optouse por non mudar ningún dos aspectos reflectidos no acordo rexistrado para a lexislatura pasada, para evitar que calquera cambio arrastrase máis peticións de outras forzas da coalición xusto cando Anova está a esixir a celebración dunha consulta entre as máis de catro mil persoas inscritas que dan o seu respaldo á alianza electoral, e unhas primarias nas que se volvan a elixir aos candidatos.

Antes de inscribir onte, ás once da noite, na Xunta Electoral Central a coalición tripartita, fontes da mesma, indicaron que o papel dos deputados na mesa de coordinación de En Marea centraron as conversas e reivindicacións, ao pór enriba da mesa a posibilidade de que teñan voto nas súas reunións, como os representantes dos partidos e colectivos que a integran.

Finalmente non haberá cambios respecto a decembro, aínda que si se estimou tratar de mellorar o funcionamento da coalición máis adiante. A renovación do acordo volta a darlle a Anova a primeira portavocía do grupo ou subgrupo que acade En Marea.

Resultados diferentes

Para Bescansa o pacto acadado con IU no resto do Estado non resta transversalidade a Podemos. «É unha suma multiplicadora que suma por unha banda e por outra». Para a secretaria de Análise Política de Podemos a campaña será crucial na súas estratexias, ao prever que un 40 % dos electores vai decidir o seu voto na campaña.

«Non nos equivocamos ao demandar postos de goberno nas negociacións co PSOE, indicou a La Voz, «porque todos os que aspiramos a gobernar o país a partir do 27 de xuño temos que entender que é moi improbable que unha soa forza goberne o país. Imos a unha forma máis europea de goberno, a da coalición», augura. Bescansa dá por feito que non se repetirán os resultados electorais de hai cinco meses. «Se de algo estou segura é de que os resultados non van saír igual que os de decembro», mantén, dando por feito a posibilidade de que o seu partido teña opcións de gobernar.