Yolanda Díaz, coordinadora de EU, non varía a súa opinión de que prefire un perfil distinto ao de Beiras como candidato á Xunta
10 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A coordinadora de EU, excovoceira de AGE e agora deputada da comisión permanente do Congreso con En Marea non varía a súa opinión de que prefire un perfil distinto ao de Beiras como candidato á Xunta, «unha muller» por exemplo. Pero engade, «se quere ser o candidato, que o diga».
-¿Segue a manter que hai perfís máis axeitados que o de Beiras para as autonómicas?
-El é un dos grandes, pero neste tempo político a min gustaríame que por exemplo ese papel o desempeñara unha muller, non eu, que me descarto. Por iso non son partidaria de que fose el, pero o digo con todo o cariño.
-Pero esa opinión abre un debate, que el non pechou completamente aínda.
-Se quere ser el que o diga xa. Eu mesma lle ofrecín encabezar a lista das eleccións europeas. Tamén para as xerais Pablo Iglesias e eu ofrecémoslle ser o referente de En Marea, pero internamente no seu partido non o consideraron adecuado. E agora o que creo é que non debe manter a dúbida máis tempo.
-¿Se dera ese paso vostede apoiaríao, pese a non ser a súa preferencia como cartel para as autonómicas?
-Ten todo o meu respecto e admiración, e se dera o paso de ofrecerse como candidato contaría co noso respaldo, e incluso seguro que tería máis apoios no noso partido [EU] que o que recibiría no seu [Anova].
-¿E a cambiar tamén a fórmula xurídica de En Marea para as eleccións xerais, estarían aínda dispostos?
-O noso acordo político é de formar unha coalición.
-¿Temen acaso que En Marea vexa agrandado un perfil nacionalista e abra un debate identitario na coalición?
-No debate identitario non imos estar. O pacto recolle o recoñecemento do suxeito político galego, e acordamos con todas as confluencias o dereito de decidir de xeito amplo e para todo como principio de participación. Pero eu non me vou volver independentista agora. Non se pode cambiar un acordo baseado no discurso social por outro identitario.
-¿Foi ético deixar o Parlamento polo Congreso?
-Foi contra a miña vontade, non estaba na miña cabeza, e produciuse despois de que rexeitaran outras propostas nosas. A primeira persoa a quen llo dixen foi a Beiras.