«O candidato non o decidirá unha nin dúas persoas»

Carlos Punzón
c. punzón VIGO / LA VOZ

GALICIA

José Manuel Casal

Antón Sánchez, de Anova, advirte que «non se trata de nomes, senón de método»

10 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise aberta en En Marea a conta da fórmula a adoptar para a repetición das xerais, ten propiciado diverxencias como a expresada por Xosé Manuel Beiras respecto a Yolanda Díaz a conta da posibilidade de contar co líder de Anova para as eleccións autonómicas. Antón Sánchez advirte: «Non se trata de nomes, senón de método».

-¿Que sinte o portavoz de AGE vendo as discrepancias públicas de ata non fai tanto dous compañeiros de grupo?

-Non é un enfrontamento persoal de Beiras. O que estamos a debater é se o acordo e o espazo que se formou con En Marea segue vixente ou non. Nós cremos que o está, pero hai que poñer sobre a mesa todo o posible para cumprilo, e tamén que falen as bases. Todo o demais son opinións, nada máis.

-¿Entón non hai que descartar a Beiras tampouco?

-Hai que desenrolar unha metodoloxía de escolla para ver primeiro que votar e non a quen. Pero non hai que perder tampouco ás mellores persoas que poidan contribuír a ese cambio. En todo caso o candidato non o decidirá unha nin dúas persoas, as bases son as que teñen que ter a palabra.

-¿Como viceportavoz de AGE comparte a opinión de Beiras de que o abandono do Parlamento de Yolanda Díaz non foi ético?

-Foi algo que decidiu ela e a súa formación e nós somos respectuosos con esa decisión. Non dicimos nada máis.

-Pero Beiras, a lo menos pono en dúbida.

-As súas declaracións forman parte dun contexto no que se fala do modelo e de acadar un suxeito político galego. Non é o debate se Anova concorda ou non coa marcha de Yolanda ao Congreso, non é ese o debate. As bases son as que teñen que decidir de xeito directo. Xa non se trata de que o faga un consello de notables.

-¿Non será tamén que afloran as contradicións nunha coalición entre nacionalistas e forzas estatais?

-É ineludible o debate e incluso o conflito entre actores de distintas culturas políticas. Pero para ser alternativa temos que estar todos xuntos. Para nós o acordo de En Marea segue a estar vixente e hai tan só cinco meses que todos coincidiamos tamén.