«Acumulo cansazo e desgaste e quero dar paso con normalidade, o BNG precisa novos referentes»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

GONZALO BARRAL

O que foi candidato á Xunta no 2012 sostén que non irá nas listas por desgaste e ve pouco valorado na rúa o labor dos deputados

05 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A disolución do Parlamento para a convocatoria das autonómicas será tamén o colofón da intensa traxectoria de Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) na primeira liña da política activa. O portavoz do BNG no Hórreo explica a súa renuncia a ir en postos de saída nunhas listas que, nas eleccións do 2012, encabezou como candidato á Xunta. Jorquera fala de cansazo no persoal e da necesidade de dar paso no político.

-¿Cales son os motivos que o levan a tomar esta decisión?

-A política non consiste só no traballo institucional. E non é bo permanecer moito tempo nos cargos, porque xera desgaste persoal e rutinas que non son boas. Xa anunciara que penso que hai que abrir unha nova etapa no BNG. E seguirei implicado no proxecto, pero dende outros ámbitos e non permanecendo no Parlamento. Teño cansazo acumulado. Ninguén discutirá que me entreguei en corpo e alma no Senado, no Congreso e como voceiro parlamentar no BNG. Pero hai que dar paso con normalidade. O BNG está en proceso de refundición. É bo que vaia acompañado de novos referentes.

-Esas explicacións da súa renuncia desprenden certo desencanto.

-É cansazo. Non somos máquinas. E nestes tempos a política cada vez está menos referenciada no Parlamento e máis nos medios. Os deputados temos pouca visibilidade social, e iso produce certa frustración. Hai que dar máis poder e protagonismo aos Parlamentos. O BNG desenvolveu un bo traballo parlamentar, pero podes acumular frustración. Por iso hai que facer renovacións, e non teñen por que ser traumáticas. Gustaríame que o BNG estivese en mellor posición, pero non estou desencantado.

-¿Pensa logo que o seu labor é ben recoñecido dentro do Bloque?

-Sinto que é valorado positivamente, pero en todo colectivo hai tendencia a trasladar a situación de frustración cara o propio colectivo. No BNG temos que cultivar un pouco máis a autoestima. Tamén no país. Pero para nada sinto que o meu traballo non sexa valorado polo BNG. E teño pleno recoñecemento fóra do Bloque.

-Non pensa que súa decisión de renunciar ás listas, neste tempo tan delicado para o BNG, pode debilitar aínda máis a súa imaxe.

-Espero que non, porque a miña intención en absoluto é crear un problema. Seguirei traballando no proxecto nacionalista e apoiarei á nosa candidata á Xunta [Ana Pontón]. Espero que o BNG teña un bo resultado. O que fago é dar carta de natureza a algo que viña anunciando dende hai tempo.

-Pero a súa decisión chega tras un goteo de baixas, que abriu Ana Luísa Bouza e proseguiron Aymerich, o propio Quintana e algúns alcaldes. E tamén Carme Adán ven de anunciar a súa renuncia ás listas para as xerais. Moito barullo en torno ao Bloque.

-Hai que distinguir. Eu só anuncio que non teño pretensión de ir nas listas en postos de saída. E tamén o caso de Carme Adán é distinto. Na asemblea de febreiro defendeu unha tese contraria á maioritaria, e pensa que é máis coherente non ir nas listas. Lamento todas as baixas, pero ninguén pode discutir que no BNG a toma de decisións é democrática.

-¿E como valora a situación do Bloque, inmerso nesa refundición na que deberá afrontar dous procesos electorais decisivos para o futuro do seu proxecto?

-A refundición é de abaixo a arriba, para que todas as persoas podan darnos a súa opinión de como podemos servir mellor ao pobo. É un proceso aberto, no que o único que non está en discusión é que Galicia e o nacionalismo galego conserven un proxecto político diferenciado. O BNG vai facer fronte en posición de debilidade aos procesos electorais, pero o que aconteceu no Estado nestes meses debe levar á reflexión á sociedade galega. Había posibilidade de cambio de Goberno, e viuse frustrada pola irresponsabilidade de PSOE e Podemos. E en Galicia haberá despois autonómicas, nas que será moi importante desprazar ao PP. O BNG actuou sempre con responsabilidade. Mentres, nestes seis meses, Galicia estivo totalmente ausente na política estatal.

-¿Polo que apuntaron as xerais de decembro, non hai risco de que o BNG poda quedar nas autonómicas do outono moi relegado e incluso fóra do Parlamento?

-Son eleccións con dinámicas moi diferentes. O BNG vai ter representación importante no próximo Parlamento galego. O BNG pode ofrecerlle á sociedade galega o aval de que sempre actuou con responsabilidade. E hai un contraste do que fixeron outros no Congreso co que fixo Compromís, que optou por un perfil propio ante a imposibilidade de crear grupo parlamentar.

-Refírese a En Marea, que medra nun espazo electoral tradicionalmente do BNG. ¿Pode acabar fagocitando ao nacionalismo?

-En política hai fases nas que emerxen unhas opcións e outras de refluxo. O importante é ter perspectiva máis aló do momento. Tamén nos 80 o tsunami do PSOE provocou unha erosión importante no BNG. Agora o tsunami Podemos erosionou ao BNG, pero sería equivocado pensar que hai que renunciar a que o país teña referencias políticas propias. O fenómeno Podemos leva á renuncia de forzas que se definen nacionalistas. Os nacionalistas temos que reflexionar sobre como mellorar o noso discurso e as propostas programáticas.