Ana Pontón: «Galicia estivo subordinada no Congreso aos intereses de Iglesias»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A candidata á Xunta lamenta que Feijoo non convoque as autonómicas xunto ás xerais, nas que ve unha reválida para o nacionalismo

01 may 2016 . Actualizado a las 10:41 h.

No prazo de catro meses, entre xuño e outubro, Pontón afrontará dous procesos electorais decisivas para o futuro dun BNG inmerso nunha refundición do proxecto. A candidata á Xunta lamenta que Feijoo non convoque as autonómicas xunto ás xerais, nas que ve unha reválida para o nacionalismo tras unha lexislatura na que Galicia «estivo subordinada aos intereses de Pablo Iglesias».

-En decembro, o BNG quedou fóra do Congreso por vez primeira en 23 anos. Agora ve na nova convocatoria unha oportunidade.

-Penso que hai un cansazo e frustración xeneralizados. E moita xente decepcionada, porque viron que Galicia estivo desaparecida no debate, e botaron de menos ao BNG. Queremos converter estas eleccións nunha oportunidade, para que Galicia volva ter voz propia no Congreso.

-Estes catro meses de lexislatura dan vantaxe ao BNG nese senso?

-Esa valoración é moi difícil. Vexo frustración polo espectáculo das forzas políticas no Estado. Se perderon moitas oportunidades. O Congreso tiña posibilidades lexislativas e non se derrogaron a reforma laboral ou a lei mordaza. A lexislatura foi un paripé.

-Que leccións tiraron do fracaso dos comicios de decembro?

-É evidente que non conseguimos o obxectivo. Fixemos unha valoración autocrítica. Ao mellor non soubemos explicar ben o que fixemos neses catro anos. Pero tamén houbo un escenario de eleccións para catro forzas. Penso que tenos posibilidades de converter o fracaso das forzas estatais nunha oportunidade.

-Hai varios cambios evidentes na estratexia do BNG, como a recuperación da marca electoral tralo falido experimento de Nós.

-Para nós nin foi un experimento nin foi falido. Valoramos o que fixemos. Estamos falando con todos para darlle continuidade. Aínda que é importante que apareza a marca BNG. Foi moi importante todo o que se deu arredor dese proceso, e imos continuar coa idea de abrirnos á xente.

-Parece que moita xente non recoñecía a papeleta do Bloque.

-Puido haber persoas que non identificaron ben a candidatura. Tamén houbo pouco tempo para preparar a campaña. E a marca do BNG da claridade. Moitas persoas lle teñen grande afecto, porque recoñecen o traballo.

-Outro xiro en relación a decembro é que desta volta pecharon a porta a contactar con En Marea.

-A militancia do BNG decidiu que sería un erro diluírnos nunha forza estatal como Podemos. Pero se as forzas políticas nacionalistas apostan pola unidade do nacionalismo, mañá mesmo teríamos candidatura de unidade.

-Pensa que lle pasará factura á coalición tripartita o fiasco de non conformar o grupo propio que anunciaran na campaña?

-Nestes meses se verificou que se fixo unha promesa en campaña que era imposible co regulamento do Congreso. Galicia non tivo un grupo que a defenda. Estivo subordinada aos intereses de Pablo Iglesias. Hai moita xente decepcionada, que quere que Galicia teña voz propia en Madrid.

-As opcións do BNG de acadar escano en xuño pasan polo posible desgaste da fórmula En Marea?

-As nosas opcións pasan por ser claros nas mensaxes que trasladamos á cidadanía. A alternativa pasa por derrotar ao PP e combater as políticas de Feijoo e Rajoy.

-De momento, a decisión avalada polas bases de rexeitar o diálogo con esa coalición está tendo un custe en forma de novas baixas.

-Dóeme calquera baixa. Hai que respectar as decisións da militancia. Traballamos por reconfigurar un espazo nacionalista máis amplo. A alternativa para Galicia pasa por un nacionalismo forte.

-Pero seguen as pingas das escisións iniciadas en Amio.

-Sempre temos esa referencia, pero o BNG é unha organización sólida. Tamén hai persoas que se están incorporando. A política máis vella é o rancio centralismo.

-É haberá cambios nas listas de xuño respecto das de decembro?

-É un proceso que temos que valorar. Os cabezas de lista fixeron unha campaña excelente. Se queren repetir, sería espléndido.

-Pensa que o resultado destas xerais, pola súa proximidade ás autonómicas, pode ser unha foto do que suceda no outono?

-Non ten nada que ver. Feijoo estase escudando na alongada sombra de Rajoy. É unha mágoa que non aproveite para darlle o finiquito a este Goberno esgotado.

-Preferiría que Feijoo fixera coincidir as xerais coas galegas?

-Penso que o proxecto de Feijoo está esgotado. E que canto antes se lle dea o finiquito, mellor.

-Hai unha refundición en marcha e dúas eleccións polo medio. En que medida os resultados poden variar o rumbo dese proceso?

-Os resultados non se pode preconfigurar de antemán. Temos un compromiso coa nosa base social para fortalecer o proxecto.