Barreiro: «Para o congreso provincial haberá imparcialidade total e absoluta»

e. g. S. LUGO | LA VOZ

GALICIA

OSCAR CELA

Cando Francisco Cacharro escoitaba falar no seu partido de renovación, adoitaba dicir, con ironía mordaz, que sospeitaba que ao único que querían renovar era a el. Despois de catorce anos na presidencia do PP lucense, José Manuel Barreiro (Lugo, 1957), decide, precisamente en aras da renovación, deixar o cargo para dedicarse de cheo á portavocía do seu partido no Senado. De cara ao congreso provincial do 6 de marzo, di que non haberá candidato oficial e tampouco aspirantes de Lugo, Santiago ou Madrid, nin de Feijoo ou Barreiro. Garante que haberá «imparcialidade total e absoluta».

-¿Alguén mostrou interese por ser candidato á presidencia provincial?

-A min, de momento, ninguén me fixo chegar esa intención.

-Fala de imparcialidade no proceso que arranca...

-Haberá imparcialidade total e absoluta. Eu non debo marcar ningún tipo de criterio nese sentido. A renovación debe ser a que decidan os militantes. Se non deixamos que a xente canalice a súa opinións, erramos.

-Vostede vaise, di, por coherencia, coa mensaxe de renovación. ¿Que debe facer Núñez Feijoo?

-Eu son moi claro. Hoxe o principal activo desde o punto de vista orgánico en Galicia é Núñez Feijoo, é o candidato que máis garantías pode aportar para revalidar a confianza da sociedade galega. Sería bo que repetira. Pero é unha decisión del.

-Pero a súa indefinición crea certa confusión na militancia.

-A cuestión non é se vai a Madrid ou se queda aquí, ou se vai á súa casa. Eu creo que el di: cando chegue o momento explicarei a decisión. A min gustaríame que fora o candidato do PP en Galicia nas próximas eleccións.

-Como voceiro do PP no Senado vai ter que seguir falando de corrupción...

-A corrupción foi o que máis dano nos fixo, máis que as consecuencias da crise económica. Este Goberno, o presidente Rajoy, foi o que máis fixo por erradicar a corrupción. Estamos vendo que as institucións funcionan. A renovación en materia de lexislación anticorrupción non ten parangón en toda Europa.

-¿Debe haber renovación tamén no ámbito local?

-Paréceme un proceso lóxico que despois dos congresos provincial e rexional haxa un congreso local. Eu creo que sería importante que o proceso congresual abarque todos os ámbitos.

-Nestes anos non lograron gobernar na capital...

-Si, para min era unha aspiración importante recuperar o Concello de Lugo; era un obxectivo, si. Tamén a Deputación, na que hoxe hai unha situación que non axuda a que a xente teña unha boa percepción da política.

-Se houbera que repetir as eleccións, ¿sería Rajoy o mellor candidato?

-Si, sen ningunha dúbida. Sería o mellor candidato.