«As decisións no BNG deben comezar por poñer cargos a disposición e dimitir»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O exdeputado Carlos Aymerich avoga pola supresión das siglas partidarias dentro do Bloque e por ir con En Marea ás autonómicas

15 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Exdeputado do BNG, impulsor da corrente Abrente e na actualidade militante, Carlos Aymerich pide depurar responsabilidades polo novo fiasco das xerais e unha refundación da fronte que acabe coas siglas e permita avanzar cara unha alianza con En Marea para as autonómicas.

-¿Cal é a súa valoración dos resultados do BNG nas xerais, a través da candidatura de Nós?

-Son uns resultados que non por esperados deixan de ser moi negativos. Poñen fin a vinte anos de presenza do BNG no Congreso e cunha porcentaxe de votos que, de ter sido autonómicas, o deixaría fóra do Parlamento de Galicia. Hai que tomar decisións, que deben comezar por poñer cargos a disposición e dimitir. Porque estes resultados son consecuencia de decisións políticas.

-Dimisións aínda non hai, pero si unha folla de ruta que conducirá á renovación orgánica e de nomes na asemblea de febreiro. ¿Pensa que o BNG non fai a lectura correcta do revés nas urnas?

-Nunha asemblea non se asumen responsabilidades. O que hai é unha renovación. Hai sectores que queren confluír para as autonómicas, o propio Vence [portavoz nacional], pero que non queren tomar decisións para non crear un baleiro de poder. O que fan é que se visualice neles a responsabilidade, cando non son os únicos responsables nin son maioría na executiva. Habería que empezar a falar de refundación e apostar por unha confluencia para as autonómicas. É o que a xente agarda, o que dixo nas xerais. Fronte a isto, o BNG non pode facer como se nada pasara.

-Sinala a responsabilidade dos que teñen a maioría na executiva do Bloque, que é a UPG.

-Responsables ao fin son todos. Porque tamén se envía unha valoración dos resultados electorais desde a executiva e tampouco hai ningún voto particular nin reserva. Esa política xa non vale, porque agora os debates son abertos.

-¿Sobran logo as siglas no BNG?

-Claramente. As CUP acertaron porque puxeron o país por diante das siglas. Aquí fíxose o contrario, por manter unhas siglas.

-¿E foi esa blindaxe das siglas un obstáculo para a recomposición do nacionalismo, ademais das reticencias doutras forzas?

-Hai que revisar conceptos como partido guía. Vemos que a sociedade non demanda unha vangarda que a dirixa, senón ferramentas que a representen e dean unha alternativa ao PP na Xunta. Estariámonos enganando outra vez. Aínda que seguramente quen defende outra visión ten maioría no BNG neste momento.

-A UPG e o Movemento Galego ao Socialismo rexeitan esa alianza electoral que vostede propón.

-E seguramente sairán adiante na asemblea. Están no seu dereito de pensar na pureza.

-¿Talvez haxa medo a que o nacionalismo galego remate por ser fagocitado por Podemos?

-Hai quen pode pensar que nunha situación de dificultade hai que recluírse, pechar as portas. Xa ven que a xente escapa como pode. Pero hai outro camiño. Se estás convencido de que o nacionalismo ten futuro, non teñas medo a confluír. Porque Podemos e o nacionalismo poden chocar no futuro, pero a fórmula ten que ser a de aproveitar o camiño. A razón para non confluír nas xerais non era que estiveran Podemos e IU, senón que non se podía formar grupo propio. Agora queren volver cara atrás.