Elena Candia: «Non gobernarei pensando na posibilidade da moción de censura»

Enrique G. Souto, x. palacios

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

A presidenta da Deputación de Lugo asegura que Besteiro «non foi quen a gobernar a súa casa, polo que dificilmente pode ser quen de gobernar unha máis grande»

25 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda estreando a alcaldía mindoniense, Elena Candia (Mondoñedo, 1978), é desde onte a primeira presidenta da Deputación de Lugo, por unha desas carambolas que se dan ás veces na política. A negativa do BNG a apoiar a candidatura do socialista Manuel Martínez e a resistencia deste a aceptar a imposición doutro aspirante do seu partido a presidencia do organismo provincial deixaron ao PSdeG e ao Bloque sen a maioría necesaria para gobernar por terceiro mandato na Deputación. Sobre o goberno que presidirá Candia flotará ao longo dos meses a espada de Damocles da moción de censura. Pero ela teno claro: «Non gobernarei pensando na posibilidade da moción de censura».

-Primeiro a alcaldía e agora, de repente, a presidencia da Deputación...

-De repente, non. Son presidenta porque o partido ao que represento gañou as eleccións na provincia. O que estaba pasando co Partido Socialista nos últimos tempos non era normal; era previsible que tivese un desenlace, senón deste xeito, non positivo. Creo que en adiante vaise recordar o que se produciu aquí: un pacto que rompe, unha persoa que rompe a disciplina de voto. As manobras e estratexias que estaba a facer o Partido Socialista na nosa provincia eran máis propias dunha novela de terror que de política; estratexias e loitas de poder que tiveron o seu reflexo na alcaldía de Lugo o que hoxe tiveron un mal desenlace para eles na Deputación. Estaba claro que isto non podía rematar ben para eles.

-Resulta que Manuel Martínez, co que tantos rifirrafes tivo como portavoz do PP na Diputación, é a clave para a súa chegada á presidencia. ¿Ironías do destino?

-Non se pode minimizar a coherencia que tivo neste proceso que para el [Manuel Martínez] non debeu ser nada doado; póñoo en valor, porque foi moi coherente. É verdade que foi moi duro comigo no meu papel de oposición, pero a ninguén se lles escapa que as decisións que tomou hoxe non foron para favorecer ao PP; as razóns coñeceraas el. Teñen que ser dun calado moi importante. Hai un responsable, que é o secretario xeral del PSdeG, que é desta provincia, que queda nunha situación bastante debilitada. Non foi quen de gobernar a súa casa, polo que dificilmente pode ser quen de gobernar unha máis grande. Foi unha mala forma de gobernar e unha mala forma de propoñer candidatos. Cargáronse a un e pretenderon cargarse a outro e ao final os cargados foron eles.

-Vai ter que gobernar coa constante ameaza da moción de censura...

-Claro. Está dentro da estrutura democrática, pero non vou gobernar pensando na moción de censura. Esta institución ten que ser un exemplo de entendemento entre todos os partidos políticos. Pode parece moi teórico, pero como repetín isto estando na oposición creo que resulto bastante crible. Esa vai ser a maneira de gobernar, non o entendo doutro xeito.

-¿Di en serio o do diálogo cos outros grupos ou é pura retórica?

-Farase invitación ao diálogo e con tranquilidade e moita serenidade empezaremos a planificar unha folla de ruta. Tiñamos un programa para esta provincia e iso ten que ser o noso compromiso. Ao ter 12 de 25 deputados estamos obrigados a chegar a acordos con outras forzas políticas e iso é moi san en democracia. Pedino cando estaba na oposición e teño que ser coherente cando estou no goberno.

-Xa co bastón de mando na man, ¿por onde pensa empezar o traballo na Diputación?

-Temos que empezar falando cos traballadores desta casa. Esta institución ten un número importante de traballadores e o primeiro contacto ten que ser con eles; para materializar calquera proxecto, os traballadores son peza clave. A partir de aí teño unha folla de ruta iniciada; o que demandaba como oposición temos que materializalo agora como goberno.

-¿Como vai compatibilizar a alcaldía coa Deputación?

-Somos un equipo, tanto no Concello como na Deputación. Por certo, algúns dos meus compañeiros estanse a enterar pola prensa neste momento de que temos a presidencia. Si, teño un equipo de xente grazas ao que alcanzamos a alcaldía de Mondoñedo e a presidencia, e con el conto.

-Segundo acabou de tomar posesión, recibiu a primeira chamada telefónica de felicitación. ¿De quen era?

-De José Manuel Barreiro [presidente provincial do PP e portavoz popular no Senado]. Despois xa non collín o teléfono; hai [había nese momento] 562 wasaps e as chamadas non as contei.

Candia, por se as súas responsabilidades institucionais fosen poucas, forma parte do equipo encargado de redactar a ponencia política do PPdeG.

Resistente á adversidade

Aínda que con pouca marxe, Candia acadou en maio a maioría absoluta necesaria para ser alcaldesa de Mondoñedo. Logrouna tras quedar ás portas no 2011 e sufrir un forte golpe no 2007, que lle permitiu ao BNG, co apoio do PSOE, acceder ao goberno. Licenciada en Dereito e orientada ao sector privado, a súa capacidade para dedicarlle horas á política está amosada. O seu triunfo reflicte algo que ela, que se deixa ver polas praias de Barreiros, debe de saber: as ondas poden afastarte da beira, pero tamén achegarte a ela. A outra aspirante oficiosa ao cargo, Raquel Arias, preferiu a seguridade do posto de delegada da Xunta que dar unha batalla con final feliz para quen decidiu resistir.