«Estas eleccións son algo máis, son un test de política xeral»

Xavier Vence di que o Bloque ofrece certezas ante o oportunismo personalista de outras opcións


«O BNG fichou a un economista antes que ninguén». Xavier Vence (Rodeiro, 1961) fai chanzas no seu despacho da Facultade de Económicas, en Santiago, sobre as incorporacións de Ciudadanos e de Esperanza Aguirre.

-Neste magma de candidaturas, ¿como se distingue o BNG?

-Temos un proxecto con experiencia en gobernos municipais e na oposición. Unha ferramenta para transformar o país, non para uns poucos concellos. Queremos crear emprego, apoiar o comercio de proximidade e apostar por una política solidaria coa xente que o necesita. Apostamos pola remunicipalización dos servizos públicos para que os concellos non engorden as contas de cinco grandes empresas madrileñas. Trátase de servizos coma a auga, os xardíns... Hai que darlle una volta a ese modelo neoliberal.

-Hai moitos contratos que se están investigando.

-Esa é unha razón para esa aposta pola remunicipalización. As empresas privadas están buscando negocio e para iso exploran comprar por terra, mar e aire vías para comprar as vontades dos que toman as decisións públicas. Se reducimos eses contratos, reducimos as oportunidades de corrupción.

-¿Pesará a corrupción o 24-M?

-Crea indignación. Xeneralízase a impresión do mal uso dos recursos de todos. Hai un elevado número de casos no PP, incluído o financiamento do partido durante décadas. E isto fai que a estrutura do partido estea trufada polos intereses das empresas que o financian. Tería que haber unha refundación do propio partido, que está corrompido de arriba a abaixo. Debería ter un castigo demoledor e as enquisas apuntan a que non será tan profundo.

-O BNG ten actuado rápido cos imputados, pero esperou no caso do alcalde de Pontecesures.

-Cando hai unha imputación por corrupción, aínda admitindo a presunción de inocencia, hai que dimitir. Cando non é por casos de corrupción, a xente ten que poder defenderse. O PP busca derrotar pola vía xudicial a quen non é capaz de vencer nas urnas. No caso de Pontecesures, a fiscalía pediu o arquivo da causa tres veces e ao final acabou arquivándose de novo. Debería haber penalización para quen usa de forma perversa a xustiza.

-¿E que hai dos pactos con listas con imputados?

-O criterio é que os socios estean limpos. A partir de aí hai que falar de moitas máis cousas: programas, obxectivos...

-¿O BNG é canteira de políticos e de votos para as mareas?

-Vivimos un momento político de grande convulsión con novas propostas. Moitas compiten no campo da esquerda e do nacionalismo. A xente ten no BNG un referente claro, de esquerdas e nacionalista. Outros son relativamente incertos. Nós ofrecemos certezas. Outros terán que demostralo se teñen a oportunidade.

-¿Ve oportunismo nos que se achegan a estas correntes?

-Hai xente que se deixa levar polas opcións do momento. Cambia con facilidade. A veces son cuestións personalistas, de xente que está máis interesada en colocarse na cresta da ola que en levar adiante un proxecto que implica compromiso cuns principios. A convulsión política permite revelar o que moita xente leva dentro, ver que ten unha fundamentación nos seus principios moi fráxil, voluble. É xente dada a deixarse levar por aquilo que pode permitir éxitos máis rápidos aínda que non sexan éxitos de futuro.

-¿Pecharían pactos coas novas formacións?

-Cidadáns, centralistas e neoliberais, non teñen que ver co BNG. Sobre listas de pequenos partidos, haberá que ver concello a concello.

-Din que o BNG non ten listas en máis concellos por culpa de redes clientelares. ¿Pero empeoraron esas redes?

-O proceso de desertización demográfica en moitos concellos é alarmante e fai que o número de persoas con interese en participar na vida política sexa menor. Hai concellos cunha media de idade de 70 anos. A xente nova emigra. E o caciquismo do PP acentúase coa crise. A xente é máis vulnerable. Temos moitos casos en Ourense. Denunciamos a asfixia da calidade da democracia. Feijoo é cómplice.

-¿Vese como edil en Avión?

-É unha candidatura simbólica para denunciar esta situación que antes comentaba.

-¿Por que a concelleira do BNG os criticou e renunciou?

-Respectamos a súa decisión de non participar na vida política. Humanamente, comprendémolo e agradecémoslle o traballo.

-Fala das deputacións como ferramentas de control. ¿Están xustificadas?

-As deputacións deberían ter desaparecido. O BNG defendeuno sempre. Na súa reforma local, o PP reduce as competencias aos concellos para darlle máis ás deputacións. Habería que ir a un modelo de comarcalización. Pero o discurso da fusión de concellos en Galicia merece unha pensada.

-¿Estas eleccións son distintas, influirán nas seguintes?

-Son moi importantes en si mesmas. Pero no contexto no que estamos teñen moitos máis significados. A xente ten que valorar as políticas desastrosas do PP desde Madrid e a Xunta. Son un test de política xeral, condicionarán as seguintes eleccións.

-As enquisas din que Lores gañará en Pontevedra. ¿É esta cidade o escaparate do BNG?

-É unha experiencia emblemática recoñecida por moitos. Un espello. É o modelo que o BNG tamén aplica con éxito en concellos como Carballo, Monforte, Ribadeo, Poio, Bueu, Tomiño...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
32 votos
Comentarios

«Estas eleccións son algo máis, son un test de política xeral»