Antía Pérez Caramés: «En Romanía as vodas entre menores non son maioritarias»

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Di que a falta de igualdade de xénero ten tamén «moito que explicar»

20 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A alegación de que os matrimonios de menores son habituais en Romanía feita pola defensa do menor condenado a clases de educación sexual por violar a unha nena de once anos mercada pola familia para casalos non ten ningunha correspondencia coa realidade. É o que explica a profesora e doutora en Socioloxía e membro do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) da Universidade da Coruña (UDC), Antía Pérez Caramés, que indica que «ese tipo de feitos nin son maioritarios, nin propios dunha cultura que se pretende identificar como monoliticamente homoxénea». Con todo, apunta que non coñece en detalle as circunstancias do caso máis que polo que publicaron os medios de comunicación.

-Aos datos se remite...

-Aínda tendo en conta que non dispoñemos de moita información estatística actualizada, un estudo do Institute for Research of the Quality of Life (da Academia Romena) do ano 2003 concluíu que o 35 % das mulleres en Romanía casan antes dos 16 anos, pese a que o código da familia nese país establece como idade legal para o matrimonio os 18 anos, ou os 16 no caso de contarse con consentimento de pais, nais, titores ou titoras. Polo tanto, aínda sendo frecuente, non é maioritario e, máis aínda, de acordo cun estudo ao respecto publicado no 2008 que conclúe que hai algúns grupos nos que este é relativamente aceptado e outros nos que é tremendamente inusual e moi rexeitado.

-¿Resulta un erro enmarcar a explicación dun suceso como este nun choque entre unha cultura pretendidamente atávica e as leis de cada uno dos Estados de acollida?

-Claro que é un erro. A explicación culturalista, antes que botar luz, estigmatiza e acaba sendo, finalmente, racista. E isto é así porque o debate non está entre preservar a tradición ou respectar a lei, senón en entender a complexidade dun fenómeno que se rexistra nunha comunidade roma que, nin é homoxénea, nin está unicamente atravesada polo vector do racismo (a desigualdade de xénero ten tamén moito que explicar), e ademais ten como contextos de referencia (que algo teñen tamén que dicir na explicación desta cuestión) o da sociedade de orixe, Romanía, e tamén o da sociedade de acollida.

-¿Temas de este tipo poden fomentar ou provocar condutas de tipo racista?

-Utilizar este feito para ensanchar a diferenza entre a comunidade roma e o resto de romaneses ou romanesas que residen en Galicia non é razoable e contribúe a importar un marco explicativo de Romanía onde o que lles acontece aos e ás roma é froito dese atavismo cultural que se opón á superioridade moral do resto da sociedade. Ese tipo de retórica que finalmente opera quitando responsabilidade ao Estado na realización de políticas de prevención e sensibilización e, en xeral, proporcionando ferramentas e lexitimidade a aqueles motores do cambio nesta cuestión que están presentes entre os e as roma, tales como movementos de feministas, algúns grupos sociais...