O presidente da RAG critica a incoherencia dos que gobernan cara ao galego

M. S. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

VÍTOR MEJUTO

Alonso Montero cre que «a escola é insuficiente» para que a lingua gañe usuarios e fala dun idioma co «estigma da pobreza»

14 ene 2015 . Actualizado a las 08:04 h.

A recente enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego, na que se debuxa un retroceso no uso do idioma, especialmente entre os máis novos, preocúpalle ao presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Segundo a súa diagnose, que onte explicou no programa Vía V, de V Televisión, con este panorama pouco optimista para a lingua ten moito que ver que «agora a escola é insuficiente, porque a sociedade é un balbordo que come á escola». Con esta metáfora refírese a que os nenos e os mozos estudan e coñecen o galego, pero «van á discoteca en castelán e fan o amor en castelán». Ao seu entender, quizais «se na casa tivesen unha postura de lealdade ás raíces e a transmitisen, non faría falla ser moi persuasivo». Ou, dito noutras palabras, é a sociedade a que ten a responsabilidade de conservar» a fala. «O galego salvarase se a sociedade galega quere», di, porque a institución que preside vela «pola saúde gramatical e semántica da lingua», pero «é a sociedade a que debe velar pola saúde social do idioma».

«Sería moi importante que o idioma da vida sexa o galego», engade o profesor, que continuando coa análise social da situación da lingua asegura que «o galego é un idioma de pobres, ten o estigma da pobreza», mentres que en Cataluña non ocorre o mesmo co catalán porque alí «é o castelán o que ten o estigma da pobreza e a fachenda da riqueza é a do catalán». E aínda outro problema máis relacionado con este: «A xente aquí tamén sabe que os de arriba non son coherentes co que din», referíndose a que moitos dirixentes que en público falan galego non fan o mesmo detrás dos focos.

O presidente da Real Academia Galega referiuse tamén a outra das polémicas dos últimos meses, a decisión de dedicarlle a Filgueira Valverde o próximo Día das Letras Galegas. Sobre este tema recordou que é unha decisión maioritaria do plenario da RAG. Pero ademais deste argumento que, ao seu entender, xustifica por si mesmo a elección, «como cidadán da cultura» tamén pensa Alonso Montero que «hai poucas persoas en Galicia cunha obra tan orixinal, tan sagaz, como Filgueira Valverde», a quen definiu como «un obreiro da causa galega».

A marcha de Ferrín

O responsable da Academia referiuse tamén á marcha do seu antecesor, Méndez Ferrín, de quen lembrou que «dimitiu» e que o fixo, asegura, «facéndose o mártir». Afirmou tamén que Ferrín cobraba «unha notable cantidade como gastos de representación» sen que eses gastos fosen autorizados pola entidade.