A política lingüística tamén importa

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Imagen de una de las marchas de «Queremos galego» celebrada en el año 2010.
Imagen de una de las marchas de «Queremos galego» celebrada en el año 2010. PACO RODRÍGUEZ< / span>

A RAG e o CCG chaman a recuperar un «discurso común» co galego para frear o retroceso

26 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O uso cotián que se fai en Galicia do idioma galego baixou trece puntos en só una década e xa deixou de ser a lingua maioritaria do país, segundo o recente estudo publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE). As forzas políticas da oposición ao PP e os grupos de defensa do idioma non dubidan en culpar ás políticas do Goberno de Feijoo do esmorecemento do galego. Feijoo deféndese responsabilizando ás familias de que agora os cativos non queiran falar galego, namentras que as familias non se pronunciaron polo de agora e se o fan posiblemente repartan opinións para todos os gustos. Pero máis alá das liortas políticas, unha das cuestións clave é saber que as decisións políticas teñen impacto nos datos do IGE, e os expertos deixan claro que a política lingüística si que importa.

¿Cal é a situación da lingua galega que reflicte o estudo do IGE?

O informe bota moitas neboeiras sobre a saúde da lingua galega. É algo que non admite paliativos. En só unha década, a proporción de galegofalantes minguou en trece puntos, ao pasar do 57 ao 44 %, o que significa que de manterse esta tendencia de forma constante, as persoas que falan galego a cotío desaparecían do mapa en só catro décadas. A situación aínda é peor ao deterse a ver os niveis de uso do galego entre a xente máis nova, a encargada de transmitilo o día de mañá. Pois ben, entre a poboación de 5 a 14 anos, os escolarizados no século XXI, o uso exclusivo do castelán medrou 18 puntos e xa representa o 47 % do total.

¿Por que retrocedeu tanto o uso do galego en tan pouco tempo?

A explicación é complexa, e hai que ter en conta aspectos demográficos, económicos, administrativos e mesmo tecnolóxicos. O certo é que a socialización da era de Internet, das redes sociais e das novas tecnoloxías resérvanlle ao galego unha presenza marxinal que apenas é paliada, e termos como hashtag (etiqueta) widget (aparello) trending topic (tendencia), crowdfunding (micromecenado) ou coworking (traballo en cooperación) incorpóranse cada vez máis ao dicionario autóctono. O uso do galego no cinema é anecdótico, do mesmo que xeito que os xoguetes preferidos dos nenos, como os Skylanders ou a boneca Clawdeen Wolf, fan cada vez máis caixa alleos á lingua de Rosalía. E por riba, a progresiva urbanización da sociedade vai parella á súa desgaleguización e, como apunta Agustín Baamonde, portavoz de lingua do PP, no ámbito rural «hai familias monolingües en galego que prefiren que os fillos estuden en castelán».

¿Existe algún tipo de responsabilidade no ámbito político?

Por suposto. É unha convicción asentada na Real Academia Galega (RAG) e no Consello da Cultura Galega (CCG). O sociolingüista Henrique Monteagudo, secretario da RAG, sostén que a política lingüística «si que importa, e moito», e non tanto polas leis, senón polo «discurso público» que se adoita a prol ou en contra da lingua propia. A oposición política lembra a reforma da Lei da Función Pública aprobada no 2009 para eximir aos opositores de facer probas en galego e sosteñen que os fondos para a política lingüística baixaron un 70 % en seis anos, triplicando o recorte sufrido polos Orzamentos da Xunta. Máis aló van aínda plataformas como ProLingua, que entende que o decreto do plurilingüismo do 2010 «é a causa principal» dos datos do IGE. Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego, sinala directamente ao Goberno de Feijoo: «Nunca houbo tanto desprezo ao idioma de Galicia por parte dun Goberno na etapa democrática» como agora.

¿Corre o galego o risco de desaparecer a medio ou longo prazo?

É unha tese que está collendo forza nalgúns ámbitos. Apuntou nesa dirección Goretti Sanmartín, profesora universitaria de Filoloxía Galega e membro da dirección do BNG, quen advertiu de que si os datos do IGE seguen así «o galego vai camiño de desaparecer». Henrique Monteagudo aboa esa mesma idea con outras palabras: «Por primeira vez, os datos amosan unha situación moi crúa. Cando un idioma é falado só por unha cuarta parte da poboación é moi difícil mudar esa situación sen que supoña un custe altísimo».

¿Como se pode entón inverter a tendencia?

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, leva falando dende o ano 2009 da necesidade de recuperar o consenso político en torno ao plan xeral de normalización, aprobado por unanimidade no 2004, con Fraga na presidencia da Xunta. Tamén o PSdeG, BNG e AGE ven esta proposta con bos ollos, se ben o PP mantén que o plan xeral nunca se abandonou. «Hai que recuperar un discurso común e unha diagnose común da situación», teima Monteagudo. Calquera remedio pasa porque a Xunta lidere este proceso de reconstrución, pero sen dúbida con novas formas para que sexa crible.

as consecuencias do estudio do ige sobre a caída no uso da lingua galega