A caída do uso do galego fai saltar as alarmas entre os partidos

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O PP admite que os datos do IGE son «negativos» e a oposición fala dun «futuro negro para a lingua» e pide regresar ao plan xeral de normalización

08 dic 2014 . Actualizado a las 09:23 h.

A enquisa sobre o galego elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), na que se reflicte un retroceso acusado no uso deste idioma especialmente entre a xente máis nova, prendeu todos os sinais de alarma no ámbito político, de tal xeito que partidos coma o PSdeG falan dun «futuro negro» para o idioma e o BNG mesmo sinala un «risco de desaparición a curto prazo» se non se inverten as tendencias.

O Partido Popular é o único que fai esforzos por salientar os aspectos positivos da enquisa. «É alentador», sinala Agustín Baamonde, portavoz parlamentario de cultura e política lingüística, «que aumente a valoración arredor do uso do galego» e tamén que mellorara o «coñecemento» que os galegos din ter da lingua propia.

Agora ben, Baamonde non agocha que «hai un dato negativo que fai saltar as alertas de cara ao futuro», di, que é o descenso de galegofalantes entre os menores de 15 anos no ámbito urbano, que atribúe non tanto a políticas concretas como á mudanza nos hábitos sociais, tecnolóxicos e de lecer, nos que o galego perde terreo fronte ao castelán ou o inglés.

Pero dende o PSdeG non comparten esta tese. Iolanda Otero, secretaria de política lingüística da dirección do partido, sostén que hai unha relación directa entre «a agonía orzamentaria dos gobernos do PP» e os resultados que apunta a enquisa. Sostén ademais que Alberto Núñez Feijoo «falta ás súas obrigas» como presidente da Xunta, entre as que se atopa protexer e fomentar o uso da lingua galega. «E o que máis horroriza -expón Iolanda Otero- é que hai un 22 % de galegos que teñen pouco ou nulo coñecemento da lingua galega», algo que, na súa opinión, reflicte «o complexo» que ten o Goberno para promover a cultura e a lingua propia.

A «falacia» do bilingüismo

«É o triunfo da diglosia», apunta Xavier Ron, do grupo AGE, que pon de releve que a enquisa «acaba coa falacia do bilingüismo harmónico que defende o PP», porque dito bilingüismo no que se traduce é na «aniquilación» do galego. Engade que dos datos do IGE tamén se pode concluír que o chamado decreto do plurilingüismo «foi tremendamente negativo e compre cambiar xa de normativa» para ter máis galego no ensino e que a lingua propia acade novos espazos de uso.

Dende a dirección do BNG, Goretti Sanmartín, fala de «cifras escandalosas» que denotan que, de seguir así, «o galego vai a camiño de desaparecer» sen que haxa unha vontade política para evitalo.

A dirixente nacionalista pídelle ao PP que lidere «un pacto pola lingua», facendo gala dunha vontade política que supere a «galegofobia». «Que volva ao consenso», reclámalle ao PP, e coincide con AGE e co PSdeG-PSOE en que un bo punto de partida sería, alomenos, empezar a aplicar o que se recolle no plan xeral de normalización lingüística, aprobado no 2004 co apoio de todas as forzas políticas, pero que co paso do tempo se converteu «en papel mollado», denuncia.