José Alberto Díez de Castro: «As universidades agora mesmo son organizacións moi resistentes ao cambio»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Di que a solución para os títulos duplicados son os graos interuniversitarios, «pero non recibiu moitos apoios»

19 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano de negociacións para decidir canto e como vai ser o financiamento das universidades no período 2016-2020. José Alberto Díez de Castro (Málaga, 1956), ten traballo por diante, aínda que as reunións executivas, é dicir, de toma de decisións, «serán como moito catro».

-¿Como vai a negociación do novo plan?

-Imos ter reunións executivas para pechar asuntos. Na primeira vaise a facer un diagnóstico da situación do sistema universitario; decidir qué ano será a referencia para a maioría dos indicadores; e o máis importante, facer xa unha estrutura marco: fondos que imos manexar; qué iría dentro de cada un; cál sería a correspondencia coas partidas orzamentarias actuais; e unha aproximación ao número de indicadores.

-O actual roldou os dous mil millóns de euros, ¿serán máis?

-Depende do que sumemos, porque moitas son partidas suplementarias, fondos europeos... Pero o que é o día a día que está nos orzamentos da Xunta está estabilizado desde o 2011, e cando menos o punto de partida ten que ser ese. Logo xa haberá mecanismos de evolución, que moitas veces irán acompasados á evolución económica.

-Os reitores piden que os orzamentos da Xunta permitan a flexibilidade na contratación.

-Xa o fixeron o ano pasado, pero primeiro, as universidades non poden facer alegacións á Lei de Orzamentos no trámite parlamentario, poden reunirse cos grupos e facer suxestións, non alegacións. E é un tema de cumprimento legal. A solicitude de prazas está suxeita, como todas as administracións, por unha lei de orzamentos do Estado, á demostración da necesidade urxente e inaprazable. Se non se demostra, non se pode autorizar. Dito isto, a día de hoxe levamos 330 prazas este ano autorizadas, o que quere dicir que o sistema non é tan controlador.

-O problema é que cando chega a autorización dunha baixa maternal xa case rematou.

-Non é verdade. Ás universidades moléstalles dar explicacións de por qué piden unha praza porque nunca o fixeron. Hai un procedemento para pedir prazas cando xa comezou o curso e se produce unha baixa, e establece un límite de 48 horas para dar unha autorización conxunta de Facenda e Educación. O que leva semanas ou meses é o proceso de tramitación da praza na universidade, pero o problema non está aquí, é deles.

-Tamén din que se lles vai o talento por non poder contratar, aínda que teñan cartos.

-O problema é que temos unha lei de orzamentos do Estado que obriga a facelo desa maneira.

-¿Cambiaría isto se puidese?

-Con case total seguridade se cambia a normativa básica estatal, e case falo en nome de Facenda. De todas formas, dentro deste marco limitado, Galicia sempre interpretou da mellor maneira posible as necesidades urxentes e inaprazables. Consolidamos practicamente a todos os Parga Pondal e Ramón e Cajal, e acabamos de aprobar a estabilización dos Starting Grant. Desde o 2011 temos 79 prazas con contrato indefinido de funcionarios que son investigadores, e entre 2013 e 2014 vinte máis temporais. As universidades galegas non se poden queixar, porque se está a consolidar a maior parte do talento investigador que teñen.

-¿Vai haber indicadores novos no plan de financiamento?

-Hai que discutilo. Realmente o cambio de filosofía xa foi co actual plan, porque hai que dicir que no 2015 temos a previsión de que o 35 % dos recursos estean baseados en indicadores, en obxectivos. Hai dúas universidades que xa manifestaron que querían ir máis aló dese 35 %. Por parte da Xunta non hai ningún problema. Ademais hai indicadores que hai que modificar ou mesmo teñen que desaparecer.

-¿E novos? ¿Subirán os fondos en función da inserción laboral dos títulos?

-A miña proposta irá por aumentar a súa importancia, é un indicador moi fiable, aínda que ten demora, porque os estudos son posteriores. Tamén pode haber novos indicadores, temas como a eficiencia ou a ineficiencia.

-¿Que pasa cos graos que seguen con poucos alumnos?

-Hai solucións. Nós fixemos 25 propostas o decembro pasado.

-Que non gustaron.

-Non gustan de momento pero ao final asimílanse. A nosa proposta de universidade virtual foi rexeitada de plano polas tres universidades, e agora algunha xa di que hai que ir por aí. En titulacións duplicadas o que máis nos gusta son os graos interuniversitarios, pero non é unha proposta que recibira moitos apoios. Ten que calar a cultura de que hai que facer algo se non hai alumnos.

-Tampouco avanzan os concursos de traslados entre docentes das tres universidades.

-Non, porque dependen de reunións de mesas sindicais. As universidades son unhas organizacións que agora mesmos son moi resistentes ao cambio, curiosamente e tendo en conta a súa evolución histórica. Ademais hai unha diverxencia, xa que a investigación adaptouse rapidamente e a docencia non. A investigación desgaxouse case sen ruído dos departamentos e dos centros e está no mundo, en redes; e a docencia quedou aí estancada en áreas de coñecemento, departamentos, instrumentos xa obsoletos que deberían modificarse e nalgún caso desaparecer.