Manuel Suárez Prada: «Sabía que ía haber mortos, que eu estea vivo é unha lotaría»

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

GALICIA

Suso Varela

Este veciño de Santiso pode dicir que segue vivo de milagre tras ver in situ o choque frontal entre dous turismos no que faleceron tres persoas

31 oct 2014 . Actualizado a las 10:41 h.

A expresión de que «volvín a nacer» nunca estará tan ben atinada como na historia que pode contar Manuel Suárez Prada, 44 anos e veciño do concello coruñés de Santiso. Desde unha cama do hospital Polusa de Lugo, e acompañado polos seus pais, narra con tranquilidade pero tamén emocionado e choroso como ocorreron os feitos que desembocaron na noite do mércores no accidente mortal no corredor Nadela (Lugo)-Sarria, no quilómetro 11,5 (O Corgo).

Neste sinistro faleceron Nieves Pombo Rubio, de 53 anos, a súa nai, María Inés Rubio Maside, de 82, veciñas de Cedrón (Láncara) e que circulaban nun Citröen BX; así como Javier Castaño Doce, veciño de 43 anos de Friolfe (O Páramo) e que conducía un Fiat Punto. Suárez Prada foi testemuña directa de todo porque circulaba en dirección a Lugo co seu Seat Ibiza e detrás do vehículo no que ían as dúas mulleres, cando de repente se produciu o impacto frontal.

Ábrese o debate sobre a vía rápida Nadela-Sarria, inicialmente prevista pola Xunta como autovía, e na que só neste mes xa faleceron cinco persoas. Algúns condutores, entre eles o alcalde de Láncara (Eladio Capón, PP), afirman que van máis tranquilos e que prefiren ir «pola vella» autonómica. Pero fóra da discusión da estrada, o accidente do mércores ten moitas incógnitas, entre elas, segundo diversas fontes que investiga a Garda Civil, a posibilidade de que o condutor do Fiat non levase as luces acesas, pero tampouco se descarta unha imprudencia, un fallo do coche, o exceso de velocidade ou a simple casualidade. O evidente é que foi nunha recta con liña continua, que non quedaron marcas de freada na estrada e que o impacto dos vehículos foi frontal.

-¿Como foi o accidente?

-Eu ía coller a saída de Lousada para ir cara Guntín e volver á miña casa en Santiso. Conducía detrás dun Citröen e resulta que de repente vin que se arrimaba moito á parte dereita da estrada e pensei que chocara ou que estaba rozando contra a valla. Pero de repente sentín unha explosión moi grande, un bum enorme, e moito fume. Decidín xirar á esquerda para esquivalo Citröen e xa me veu bater o outro vehículo, tamén de maneira frontal, pero cun choque máis amodo porque senón tamén sería mortal.

-¿Lembra a que velocidade ían tanto vostede como o vehículo das mulleres falecidas?

-O coche das mulleres non ía nada apresa, íamos sobre oitenta por hora e tranquilos. O que pasou e que se meteu un coche no noso carril e batemos todos. O condutor do Fiat tiña que ir moi rápido, a moita velocidade, porque nós non iamos tan rápidos como para que quedase tan mal o coche das mulleres. O meu coche quedou na mediana.

-¿Era boa a visibilidade nese momento da noite na estrada, ás 22.19 horas?

-Perfecta. Non había néboa, nin nada que nos impedise ver a estrada. Nin sequera é unha zona escura. Non sei que puido pasar, porque tanto eu como, polo que sei agora, os outros condutores coñecíamos ben a estrada.

-¿Parécelle perigoso este corredor?

-Si que o coñezo ben porque son chofer de autocares e aínda que traballo e vivo en Santiso, pasei moitas veces por esta estrada e non lle vexo perigo, salvo que pasen cousas así, que se meta un coche no teu carril. Porque o que teño claro é que volvín a nacer de novo. Se en vez de ir diante de min o coche das mulleres estou eu, alí mesmo que quedo morto.

-¿Tivera algunha vez un accidente de circulación?

-Nunca. Grazas a deus na miña traxectoria profesional.

-¿E como condutor de autobuses viría moitos sinistros coma este do Corgo?

-Levo 22 anos traballando como condutor e si que teño visto algún accidente grave pero nunca algo parecido ao desa noite. Foi inexplicable. Incluso meu irmán e meu pai que son condutores desde hai moitos anos cóntanme que nunca tiveran un accidente similar.

-¿Que pensou nada máis sufrir o accidente?

-Buf, unha desgraza total e que había mortos seguro e efectivamente foi así. Creo que foi todo unha lotaría.

-¿Foi vostede o primeiro en socorrer ás vítimas?

-Saín do coche algo confuso. Non podía avisar por teléfono porque perdino no choque, pero inmediatamente viñeron outros condutores e xa avisaron ás ambulancias e á Garda Civil. Dixéronme que o condutor do Fiat aínda estaba algo con vida. A escena era tremenda, había ferros a montóns por todas as partes da estrada, que quedou totalmente cortada ao tráfico

-¿Como se atopa de saúde?

-Pois teño bastante dor na columna pero nada máis. Dóenme os músculos pola tensión do golpe. Estanme a dar calmantes e ao mellor mañá xa me dan a alta para que volva para a miña casa en Santiso, que é o que teño ganas. Tamén teño claro que me salvaron os airbags, porque senón agora estaría moito peor. Podo andar por moita dor que teña nas costas.