A oposición dálle plantón ao PP no festexo do décimo aniversario do plan de normalización

D. S. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O resto dos partidos cualificaron o acto de «farsa» debido ao «incumprimento» do plan

23 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O Parlamento galego acolleu onte o acto de conmemoración do décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización Lingüística, no que participaron representantes da Xunta, da Real Academia Galega (RAG), do PP e de varias asociacións de empresarios, pero quedou deslucido polo plantón levado a cabo polos catro grupos da oposición (PSdeG, AGE, BNG e Mixto), que cualificaron o acto de «farsa» debido ao «incumprimento» do plan.

Namentres a cantante Uxía revivía coa súa voz a poesía de Manuel María e de Uxío Novoneyra no Salón dos Reis, fóra do recinto parlamentario concentrábanse una trintena de persoas convocadas pola plataforma Queremos Galego, cuxo presidente, Marcos Maceira, definía o festexo como «auténtico funeral para rirse dunha lingua que cren morta».

Desde o PSdeG sinalaron que un «imprevisto» impediulle á deputada Carmen Gallego acudir ao acto, se ben o líder do partido, Gómez Besteiro, que onte se atopaba no Parlamento, non dubidou en cargar contra á Xunta pola «involución» que se está producindo no uso da lingua.

Declaración empresarial

A conmemoración da aprobación do plan de normalización fíxose coincidir co Día da Galeguidade Empresarial, motivo polo cal foi aprobada unha declaración pública, subscrita por un cento de empresas, a meirande parte delas vencelladas ao ámbito rural, na que se comprometen co uso do galego como valor que axuda a vender, ao tempo que reclaman da Xunta axudas específicas para as iniciativas empresariais que teñan a lingua galega como bandeira.

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, cubriuse contra as críticas da oposición e dixo que a política da Xunta «está inspirada no roteiro» do plan de normalización. Pilar Rojo, a presidenta do Parlamento, defendeu o uso do galego «en todos os ámbitos cotiáns» e Alonso Montero, presidente da RAG, destacou os avances «grandes» na normalización, pero que veu insuficientes.