Salustiano Mato: «A universidade debe priorizarse frente a outros sectores»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Oscar Vazquez

Defende o reitor a postura da Xunta ao conxelar o financiamento malia a crise, pero insiste en que o novo plan debe ser máis ambicioso

19 oct 2014 . Actualizado a las 10:56 h.

Salustiano Mato (Santiago, 1960), foi o reitor menos crítico co actual plan de financiamento. A universidade galega sufriu menos recortes que a media estatal nestes anos, «por esta pobreza xeral, e esta escasa aposta pola universidades no país».

-¿Está a universidade galega peor financiada que o resto?

-Habería que actualizar as estatísticas. Ao principio do plan actual (2011-15), estabamos debaixo da media estatal, agora non podo falar con seguridade. Grazas a este plan houbo unha conxelación -as diminucións foron ligadas a cambios da lexislación xeral-, polo que tivemos menos descenso de aportación pública que a media española. A media está no 14 % de descenso e nós no 7 %. Non temos datos actualizados, porque habería que ver como queda por exemplo o sistema catalán despois dos recortes brutais. Seguramente, como as demais comunidades baixaron moito máis en aportacións públicas, é probable que nesta escasa aposta pola universidade converxamos no descenso.

-¿É dicir que a brecha a nivel europeo medrou?

-Si si. Sempre poñemos o exemplo alemán. No 2003 albiscaban unha crise. Fixeron un acordo de Estado para incrementar case un 3 % o orzamento de I+D e universidades. No 2010, constatada a forte crise, novo acordo cun 5 % de aumento. A máis crise, máis aposta pola I+D e a universidade. Isto lígase á importancia que ten a investigación na sociedade alemá para avanzar. No noso país hai unha materia pendente, que a poboación en xeral sexa consciente que para acadar benestar social hai que apostar por cousas como a I+D e a universidade.

-¿Que filosofía debe ter o novo plan de universidades 2016-2020?

-O principal é convencer ao Goberno de que a aposta ten que ser o máis potente posible. Os gobernos deberían apostar ao estilo alemán, salvando as distancias e na proporción de cartos que temos nós. Debe priorizarse a universidade frente a outros sectores. Xa neste plan hai que recoñecer que estivemos priorizados, pero intensifiquemos isto.

-O actual rolda os 2.000 millóns, ¿hai que partir dunha cantidade superior?

-Si si, hai que ter en conta que aceptamos un plan de conxelación, porque estaba a crise virulenta e viamos que ía a peor.

-¿Recibe Vigo a parte que lle corresponde?

-Non me parece axeitado pedir para cada un. Cada un ten que recibir aquilo polo que traballa en función de criterios. Temos que dar conta do que facemos e dos resultados. Cando propuxen incorporar a variable de fondos por resultados, aceptei unha moratoria buscando o consenso, no que practicamente o reparto foi o histórico. Chámase histórico porque non se sabe moi ben a que se debe. Non creo que haxa que poñer enriba da mesa o que merecemos polo que somos. O que merecemos será en función do servizo que damos á cidadanía, éxito laboral dos titulados, produción e investigación, capacidade de xerar emprego directo e indirecto, capacidade de dar solución a problemas sociais...

-¿Un grao debe garantir un mínimo de inserción laboral?

-Non, se falamos dun servizo público, a ensinanza superior debe ser un dereito do cidadán, e debe ter dereito, se fai os seus deberes, a acadar un nivel profesional de ensino superior. Temos que ofertar as ensinanzas en función da demanda social.

-¿Nunca da laboral?

-Non unicamente, normalmente a demanda social xa está marcada en parte por esa demanda laboral. Pero non debe de ser a única. Primeiro, porque estariamos continuamente cambiando as ensinanzas, e ademais coartariamos o dereito de moitos a ter un ensino universitario, e ao mellor non para traballar nel.

-Hai reitores partidarios de eliminar as taxas de matrícula.

-E hainos que din o contrario. Eu posiciónome a favor da conxelación e se podemos rebaixar mellor que mellor. Pero o elemento de facer unha taxa na nosa cultura ten un efecto positivo, corresponsabiliza á persoa.

Salustiano mato de la Iglesia Reitor da Universidade de Vigo

«O elemento taxa na nosa cultura ten un efecto positivo porque corresponsabiliza»

«O que merecemos será en función do servizo que damos á cidadanía, do éxito dos titulados»