Adelina Fernández Medela: «Pujol é un piolloso e un aparvado, un 'papanatas'. Nin un vaso de auga me deu»
GALICIA

A carballiñesa que tratou ao expresidente catalán tamén vía á súa muller
09 sep 2014 . Actualizado a las 14:50 h.Adelina, a carballiñesa que lle curou o tic nervioso que Jordi Pujol tiña e que logo o estivo tratando do mal de ollo -«el cría que tiña moitas envexas e era certo porque sempre lle daba que si»- encetou mal a semana. A primeira hora estaba no Xulgado do Carballiño pola denuncia que presentou pola morte dun can, «destrozáronmo uns cans grandes, e partírono en dous, pobre animal», e cando se lle pregunta polo expresidente da Generalitat alporízase: «Non vou falar máis diso, porque viñeron á miña casa e graváronme dende un coche, e estou farta de que me chamen todo o día, e que me rifen meus fillos -están en Andorra- por teléfono e me digan que estea calada. Non quero saber nada. Déixeme en paz». Máis tarde, xa de volta na casa logo de realizar as compras no Carballiño, amósase máis tranquila.
-Refírense a vostede como pitonisa, meiga, vidente... ¿Como se definiría?
-Non son nada diso. Son naturista e sanadora. Hai persoas que teñen un don natural para iso, e no meu caso herdeino da miña avoa, Carme Fernández Bernárdez.
-¿Tan mal rematou a relación con Pujol?
-Non vou falar máis de Pujol.
-Xa, pero chama a atención o que contou de que el se fixo rico a costa súa.
-Pujol é un piolloso e un aparvado, un papanatas, que nin un vaso de auga me deu. E é mentira o que se está a dicir. El cobráballe á xente que me mandaba á consulta pero eu non lle cobraba o que se di. Nunca cobrei un prezo fixo, as miñas consultas sempre foron pola vontade.
-¿Tratou a alguén máis do seu entorno?
-A Marta Ferrusola. Trouxérona dúas amigas súas, xente ben de Barcelona. Estaba preocupada porque lle caía o pelo.
-¿E logo xa foi cando tratou ao expresidente da Generalitat?
-Si. Primeiro veu polo tic que tiña no ollo, que seica estaba farto dos oculistas porque non llo daban curado. Logo seguiu vindo porque sospeitaba que lle tiñan envexa e lle querían facer mal.
-¿E era certo?
-Tiña mal de ollo. Sempre que botabas un ovo saía negro, escuro, e iso quere dicir que hai xente que che desexa o mal. E era cando lle pasaba os ovos polo corpo para curalo e púñalle unha vela.
-¿Canto o tivo como cliente?
-Por aí un ano e medio. A dous non chegou.
-Foi nese tempo no que vostede se asentou en Barcelona.
-Non. Estaba en Andorra e ía pasar consulta dúas veces á semana á Barcelona a unha casa que era de Pujol.
Adelina Fernández Medela saiu do seu pobo de Vilar, na parroquia de Veiga (O Carballiño), a gañarse a vida «sen escola». Emigrou a Fraga (Huesca) porque alá estaba un familiar do seu primeiro marido. Depois foise para Andorra. Tivo dous fillos e logo afillou a unha rapaza do seu segundo home, un alemán. Casou tres veces -comeza a cantar con sorna: «Yo tuve tres maridos / y a los tres envenené / con unas cuantas gotas / de cianuro en el café...»- e hai dez anos que voltou para Vilar. Fai cinco que vive con Basilio, un vigués que estaba tomando as augas no balneario da vila e ao que coñeceu no baile do Centro Social do Carballiño. Gañou a vida como puido -«na colleita do algodón, sulfatando ao xornal, carrexando auga para a casa dos ricos... o pouco que teño sacáronmo da pel»- e sempre exerceu curando de todo: «Levantando a paleta, facendo remedios para as mulleres que non podían ter fillos, curando a mamite das vacas, o mal de ollo, coutando a pezoña... de todo». Na parede ten colgados diplomas de cursos de naturopatía e psicoloxía. E unha foto con Manuel Fraga.
-¿Tamén tratou a Fraga?
-Cureille un herpes, prepareille unha pomada, e trateino pola dor de cabeza e tamén da vertixe. A cabeza traiao a mal traer, dáballe moitos problemas.
-¿E era bo pagador?
-A Fraga non lle cobrei porque era un galego de lei, non coma o cutre ese do Jordi Pujol.
-¿Lembra a alguén máis coñecido que tratase?
-A Javier de la Rosa. Un señor e un cabaleiro, igual que a súa muller. E funo ver ao cárcere. E estiven comendo na súa casa. A ese arruinouno Pujol. Puxo cartos para uns proxectos e logo o pequeno ripoullos todos.