«Non interesan os servizos sociais, senón a beneficencia»

GALICIA

Os traballadores sociais reclaman que se poña freo aos recortes en dependencia e que se aumenten as prestacións

18 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia pediulle esta semana á Xunta que aumente as prestacións sociais e alertou de que os recortes obrigarán a moitos dependentes a deixar as residencias. A súa presidenta, Marta Capeáns, insiste nestes argumentos.

-Desde que a lei de dependencia se puxo en funcionamento, as axudas que se recibían dependían dos ingresos dos usuarios. Nós, como colexio, estabamos de acordo. En sitios como en Galicia, a maior parte das solicitudes que se facían demandaban que se lle pagara a algunha persoa, familiar ou non, que se fixera cargo do coidado do dependente na súa casa. Isto é lóxico, porque hai poucas residencias, nas que hai públicas non chegan as prazas, hai listas de espera de anos, e por outro lado, un dos obxectivos do traballo social é que as persoas permanezan coidadas no seu medio o máximo tempo posible. A isto é ao que temos que tender. A partir do 2009 non se volveu conceder máis esta axuda. Cando se fala de paguitas, o termo non pode conlevar maior desprezo pola dependencia, polo dependente que a percibe e polos seus coidadores. As persoas coidadoras hipotecan unha parte da súa vida, e hai moito que agradecerlles, porque non hai paguita que pague con xustiza o que fan.

-¿En que consisten os novos recortes?

-Outro dos recortes un pouco velados que se fixeron foi a taxa de reposición, é dicir, que os usuarios da dependencia que falecían non eran substituídos por outros novos na mesma proporción. Agora o que fan é suprimir niveis: había tres graos de dependencia, cada un deles dividido en dous niveis, que desaparecen, de tal maneira que os dependentes do nivel máis alto pasan a cobrar coma o nivel máis baixo. Por outro lado, patrimonio que non xera beneficio, como a vivenda habitual ou leiras, estano computando. A primeiros de xullo comezaron a recibir as cartas, exclusivamente polo de agora, os dependentes que estaban en residencias privadas porque non tiñan unha residencia pública cerca ou non había prazas, e aos que a Administración lles pagaba o que lles correspondía por Dependencia e eles pagaban a cantidade restante. A estas persoas reducíronlles a axuda, en ocasións ata un 70 %, como media un 50 %.

-¿Haberá máis?

-O recorte vai ir punto por punto en todas as opcións que ten a lei de dependencia. E todo isto é unha espiral que seguramente o que conleve sexa despidos de persoal.

-Cando se fala de abandono de residencias pénsase nos maiores, pero algún centro de discapacitados psíquicos xa recoñeceu que non ten todas as prazas cubertas porque os usuarios non poden pagar.

-Son prazas máis caras que tamén financiaba Dependencia. Na maioría dos casos xa non eran totalmente gratuítas. É máis lamentable porque normalmente nestes centros o que se pretende é manter as capacidades que ten a persoa, ou incluso axudarlles a ser máis autónomos ou ensinarlles unha profesión. O caso dos maiores é grave, claro, pero o dos menores de 65 anos que están mellorando na súa autonomía persoal, ou incluso poden chegar a conseguir un traballo, é máis sangrante.

-Así que non se ve a recuperación económica da que se está a falar.

-Non, o que vemos é o contrario. No 2012, a conselleira rebelábase contra os recortes. Esta semana o presidente da Xunta xustificounos. Todo isto pódese parar. Se realmente está habendo unha recuperación e os recortes respondían á crise, que os paren. O que nos tememos desde o Observatorio da Dependencia, desde as oenegués e desde os colexios profesionais é que isto é un ataque a todo o sistema da dependencia. Non interesan os servizos sociais, estase optando pola beneficencia, por descargar a responsabilidade en entidades benéficas ou en organizacións non gobernamentais. Calquera traballador social xubilado é un posto de traballo amortizado. Iso é que non interesa.

-Vostedes defenden que, aínda que os recortes veñan de Madrid, a Xunta ten capacidade para actuar.

-Claro. Mover unha partida presupostaria dun concepto a outro é posible. As comunidades teñen transferidas as competencias en servizos sociais. Se o Estado poñía o 70 % e a Xunta o 30 % e agora o Estado recorta ese 70 %, a Xunta pódeo suplir. Hai uns días o presidente anunciaba unha inversión de 300.000 euros en arboriños no Gaiás, iso non é unha prioridade.

-Outra polémica recente foi a dos comedores escolares, ¿cal é a súa postura?

-Nós dixemos que a apertura de comedores escolares no verán era un mal parche que non solucionaba o problema real. En primeiro lugar, porque a solución que aportaban os comedores era para nenos escolarizados, só de tres a doce anos. Nós o que propoñiamos era que os custes que ía supoñer se canalizara por medio de axudas extraordinarias para darlles ás familias. Pero os comedores non abriron e non se canalizou ningún tipo de axuda.

-Neste contexto, os concellos e os traballadores dos concellos deben ser os que máis senten a situación, porque son os primeiros aos que recorren os cidadáns.

-Si, son os que solucionan ou os que intentan solucionar, porque os concellos teñen axudas de emerxencia para actuar de maneira rápida, pero os seus recursos tampouco son ilimitados. Nós queremos partidas presupostarias destinadas a loitar contra a pobreza. E unha vez que a xente pague a luz, poida acender a calefacción e se nutra ben, poñer en práctica políticas sociais que fomenten saír desa situación. A xente vén aos traballadores sociais e moitas veces xa non sabes que dicirlles.

marta capeáns presidenta do colexio de traballo social

«As persoas coidadoras hipotecan parte da súa vida: hai moito que agradecerlles»

«O recorte vai ir punto por punto, en todas as opcións que ten a lei de dependencia»