Martín Portos García: «Non poder retornar é unha gran tara no tecido produtivo de Galicia»

María Santalla REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Graduado en Ciencias Políticas, o seu foi o mellor expediente de España

10 may 2014 . Actualizado a las 12:07 h.

Coruñés de nacemento, con orixes en Boimorto e compostelán de formación, Martín Portos García ten xa, con só 25 anos, un currículo envexable. Aos seus méritos acaba de sumar un primeiro premio dos Premios Nacionais Fin de Carreira que entrega o Ministerio de Educación, un recoñecemento que ademais acadou co mellor expediente de toda España, unha impoñente media de 9,95.

-¿Cando recibe o premio?

-Non o sei, está xa publicado no BOE, xa non mo poden quitar, pero aínda non nos chamaron do ministerio, non sabemos se vai haber unha cerimonia de entrega como tal. Non ten por que habela, e de feito o ano pasado o ministro saíu un pouco escaldado, porque lle retiraran a man. Ao mellor mándannos o diploma á casa e ingrésannos os cartos na conta e xa está. Economicamente son 3.300 euros.

-¿Como é a dinámica destes premios?

-Hai 55 primeiros premios nacionais de fin de carreira, 54 mencións e 52 accésits. Eses 55 primeiros premios están divididos en varias categorías, no meu caso Ciencias Sociais e Xurídicas. Na miña área hai 12, e danllo aos 12 mellores expedientes ponderados de España desa área, utilizando unha fórmula na que conta a nota media do expediente, a media da promoción e outros méritos. Eu levei un deses 55 premios e ademais resulta que teño o mellor expediente puro de toda España.

-E a cousa non quedou aí.

-Non, fixen a carreira en Santiago, fixen un Erasmus en Westminster, en Londres, e despois fixen un máster en Oxford, outro no Instituto Universitario Europeo, en Florencia, onde estou facendo a tese doutoral, e este mes provisionalmente estou en Madrid facendo unha estancia de investigación.

-Ser bo estudante é relativamente fácil tendo certas capacidades, pero ter un expediente coma o seu, case perfecto, supoño que é un cúmulo de moitas cousas.

-Ante todo sorte. É un pouco anecdótico, igual que o son eu tamén o poderían ter sido moitas outras persoas. Evidentemente hai que traballar, ter capacidade de sacrificio, afán de superación. Eu sempre digo que é moi importante ter unha vida equilibrada, ser feliz noutras parcelas da vida, porque ás veces dedicarlle máis horas ao estudio non equivale a un maior éxito. Pero igual que o levei eu poderíao ter levado outra compañeira de promoción ou xente sensacional noutras universidades.

-De todos os xeitos, ¿ter bo expediente é unha garantía para incorporarse ao mundo laboral?

-O que eu pretendo é seguir unha traxectoria investigadora. Desde ese punto de vista si que pode axudar. Noutros ámbitos da vida non che vou dicir que non serve para nada, porque serve como un recoñecemento ao traballo ben feito. ¿Os réditos profesionais? Como podes entender, non estou recibindo chamadas de empresas que me queiran contratar. Teño que seguir traballando e mellorando, porque isto non me garante a vida, nin moito menos.

-¿Cre que poderá traballar en España?

-Gustaríame ver a cousa con máis optimismo. Agora estou fóra e gustaríame algún día ter a oportunidade de volver. A curto prazo, mentiría se dixera que o vexo desde unha óptica optimista, aínda que tampouco son particularmente catastrofista.

-Saír ao estranxeiro é importante para formarse, pero supoño que ao final todo o mundo quere volver.

-Creo que en todas as facetas profesionais é fundamental saír, ter outras experiencias, coñecer outras culturas, outras linguas, outras realidades, pero ao mesmo tempo creo que é un derroche, un desperdicio de recursos que dada unha formación, unhas experiencias vividas, non poder retornar e poñelas ao servizo da sociedade. Creo que iso si que é unha gran tara no tecido produtivo de España e de Galicia, a dificultade que ten xente boa, xente mellor ca min, para retornar, xente que non pode volver ou que se o fai faino en condicións pésimas.