Martiño Noriega: «Dimitín hai meses por discrepancias e agora debo asumir responsabilidades. Non vou agochar a cabeza baixo a terra»

S. Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

26 feb 2014 . Actualizado a las 09:22 h.

Abandeirado da aposta por afianzar AGE, Noriega da un paso adiante ante a profunda crise de Anova.

-Non hai tregua en Anova. Agora que despexan o escenario das europeas estoupa a dirección.

-E teño que amosar o máximo respecto ás decisións. Son compañeiros que defenderon outra opción e non se sentían con ánimos de representar ao conxunto da militancia. E o afronto con responsabilidade cara o que decida o conxunto da dirección. Entendo o momento e o meu rol.

-¿Sorprendeulle o apoio de Beiras á entente federalista, que acabou decantando a consulta?

-Seríamos ilusos se pensaramos que a decisión de Beiras non tivo influencia. Os que defendimos a candidatura federal fixémolo sen ter en conta esa postura, porque a descoñeciamos. Había que decidir se dar a un proxecto estratéxico de confluencia da esquerda nacionalista e federal ou seguir nunha posición de nacionalismos clásicos. Entendíamos que a primeira era a opción da maioría dos que apoiaron AGE.

-O referendo retratou a ruptura entre partidarios do federalismo e de alianzas puntuais no nacionalismo. ¿Como se poden integrar, se é posible, esas correntes para recompoñer Anova?

-Demostrou que hai lecturas diferentes, non diverxentes. As hai que se enmarcan no nacionalismo clásico galego e outras partidarias de abandonar clichés. É o camiño que queremos encetar. Ademais de no identitario, queremos incidir no social.

-Agora a coordinadora nacional decidirá a nova dirección. Vostede xa se ofreceu a colaborar.

-Non queda outra. Dimitín hai uns meses por discrepancias e agora teño que asumir responsabilidades. Non estou aquí para agochar a cabeza baixo a terra.

-¿Supón isto unha volta ao carón de Beiras trala súa dimisión?

-A relación é de amizade. Hai respecto máximo e lealdade. Falaría dun punto de inflexión en recuperar o sentido de Anova. Estabamos máis con lecturas en clave identitaria que social.

-¿Pecha a porta a ir no posto de saída da lista das europeas?

-Imos indo, imos vendo. Hai outras persoas que poden ser eurodeputados. O debate nominalista non me interesa tanto. Pero non me vou autoexcluir sen escoitar aos compañeiros.