Carlos Varela: «As institucións padecen tendo un gobernante baixo sospeita»

José Manuel Pan
josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

O Fiscal Superior di que en política «non é aceptable» agardar a que haxa condena

20 feb 2014 . Actualizado a las 14:37 h.

«Hai que distinguir entre a inocencia penal e a inocencia política. A penal réxese pola presunción de inocencia, pero no ámbito político non hai que aplicar eses principios, nese caso teñen que aplicarse normas de comportamento ético e de transparencia». O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, está preocupado polos casos de corrupción que están saíndo á luz, pero aínda máis polo feito «de que non haxa reaccións por parte dos políticos ante eses comportamentos».

-Os políticos esgrimen a presunción de inocencia para non tomar decisións.

-A presunción de inocencia aplicámola no ámbito xudicial, pero a inocencia política é outra cousa. Ao mellor, o gobernante é responsable por nomear a unha persoa que non era competente e elixiu mal. Un alcalde responde por non estar atento ao que estivo facendo un concelleiro. Por tanto, os principios que rexen na política son os de in eligendo [en derecho, culpa en la elección] e in vigilando [culpa en la vigilancia]. É no ámbito penal onde xogan os principios de presunción de inocencia e a carga da proba.

-¿Alguén tería que tomar xa unha decisión?

-Si, porque senón chegamos á conclusión de que os gobernantes acaban salvagardando a súa posición política de xeito que mentres o asunto se dilucida no ámbito xudicial non se teñen que asumir responsabilidades políticas. E ademais, como os tribunais van a ritmo lento pois saben que se hai condena penal, esta será dentro de dous ou tres anos. E iso non é aceptable en termos políticos.

-E como se valora iso.

-Os parámetros son distintos. O aspecto xudicial vai por outros camiños. Son investigacións complexas, con probas difíciles de obter e que leva moito tempo. Os políticos así transfiren o problema á instancia penal.

-Ninguén toma decisións nin dimite...

-O problema é que como as imputacións duran moito tempo, as institucións padecen porque teñen a un gobernante que está baixo sospeita ante a cidadanía. E o que fai iso é repercutir no prestixio das institucións, e moitas veces fai que non podan ser gobernadas de xeito adecuado ante a sospeita social de irregularidades.

-¿Cre que debería dimitir alguén xa?

-Iso teno que decidir o ámbito político.

-Pero ao mellor para evitar esa degradación das institucións da que vostede fala...

-Hai que tomar medidas, a de dimitir ou a que sexa, pero a política debe tomar medidas con independencia do traballo da Xustiza para non confundir a inocencia penal coa inocencia política, porque confundir iso levariamos á absurda conclusión de que os gobernantes poden facer as cousas como queiran mentres os seus feitos non sexan condenados por un tribunal. Iso é un absurdo.

-¿Que pasa en Galicia? Vostede fala de dous tipos de corrupción, a de mercado e a parroquial.

-Hai que distinguir. A corrupción de mercado prodúcese cando se adxudican bens e servizos por parte dunha Administración pública a quen se presta a cometer determinadas irregularidades. E a corrupción parroquial resulta dunha relación de proximidade e mobiliza recursos simbólicos como a amizade, a afinidade política, o clientelismo e os lazos familiares. Neste caso a contrapartida pode ser o voto nas eleccións.

-Algún político di que buscar traballo a persoas non é delito.

-Ao mellor non é delito, pero o político ten que ver se iso é reprochable dende o punto de vista ético. Porque senón o que se está dicindo é que quen non ten acceso a esa persoa para pedir un traballo non pode ser tida en conta. Créanse clientelas en detrimento de persoas que non teñen acceso ao provedor do traballo. Así oféndense os principios de igualdade, de mérito e de capacidade.

-¿E aceptar regalos?

-Depende. Hai regalos inocentes. Hai que saber distinguir. Hainos que se dan buscando unha determinada decisión e se dan en consideración a ese obxectivo. O que é importante é contextualizar o regalo. Hai contextos de regalo inocentes e outros cos que se está engrasando a posibilidade dunha contrata pública futura.

-¿Pero pode haber regalos inocentes na política?

-Cando se dan como detalle cariñoso ou simbólico. Pero a regra ten que ser a de non percibir regalos porque dificilmente vai haber regalos inocentes por parte de empresas que buscan unha contrata pública. No caso dunha empresa que busca contratos públicos e fai regalos a alcaldes, concelleiros ou funcionarios, o contexto non é inocente porque ao mellor está engrasando a maquinaria para o futuro.

-Vostede pide reaccións aos políticos. ¿Pasan polos ceses?

-Ou por adoptar medidas de prevención como as que propuxemos na comisión anticorrupción do Parlamento galego. Que o ámbito político non reaccione a estas alertas é sorprendente. Hai que fortalecer os órganos de control nos concellos: os secretarios, os interventores, os tesoureiros, que agora están moi debilitados porque dependen en parte dos alcaldes. Eses órganos teñen que ser reforzados.

carlos varela fiscal superior de galicia