«No nacionalismo a alianza co da casa vai primeiro que co de fóra»

GALICIA

Rodríguez vincula a redobrada aposta soberanista do BNG co posicionamento perante a crise de «lexitimidade democrática».
Rodríguez vincula a redobrada aposta soberanista do BNG co posicionamento perante a crise de «lexitimidade democrática». xoán a. soler< / span>

Rodríguez di que o BNG curou as feridas e ataca o pacto de Beiras con EU

12 ene 2014 . Actualizado a las 11:15 h.

Referente ideolóxico da Unión do Povo Galego (UPG), o partido hexemónico no BNG, Francisco Rodríguez defende a redobrada aposta soberanista dun BNG que ve «curado» das escisións internas. «O problema está noutras partes», sostén en referencia á formación de Beiras.

-O BNG pide a creación dunha fronte ampla do nacionalismo.

-Esa fronte existe, é o BNG. Sobre o nacionalismo que está fóra do BNG, o lóxico sería que nestas circunstancias políticas confluíse todo nunha alternativa nacionalista. Pero a última palabra non a ten o BNG, que está ubicado nas coordenadas nacionalistas, con criterios de autoorganización do país, de soberanía nacional, de querer unha estrutura do Estado distinta e ir a un proceso soberanista, e de non aceptar o actual modelo de Unión Europea. Se hai coincidencia sobre isto, benvida sexa.

-¿Entende que se dan as condicións para esa coincidencia?

-Nunha parte pequena do nacionalismo que non está no BNG, cada vez se dan máis. Home, nos que recentemente saíron do BNG o vexo máis difícil.

-Dende logo, a posible alianza para as europeas parece lonxe.

-Iso terano que dicir os que tomaron a decisión de irse.

-Pois o portavoz nacional do BNG sostén que aínda quedan feridas abertas desas escisións.

-No BNG estamos curados. Non temos ferida ningunha. Cando hai un conflito político hai que asumilo. O BNG está facendo ben en mirar cara adiante. Ten un proxecto e alternativa política que defende con clareza. O problema está noutras partes. Aos feitos me remito.

-Beiras sinálao a vostede como un dos autores desas feridas. Non lle perdoa que falara de que Anova tiña un acordo con Esquerda Unida cando foi a asemblea de Amio.

-Me remito aos feitos, que son evidentes. O teatro está á vista. Comprenderá que non se chegue a unha conclusión nun mes.

-¿Que opina da crise de Anova?

-Non, eu respecto. Creo que ten moi pouco interese dende o punto de vista social colectivo.

-Pero vostede tenlle reprochado a Beiras unha deserción dos principios do nacionalismo.

-Os principios do nacionalismo están baseados en que un acredita que o seu país ten capacidade para saír adiante, política e economicamente. En acreditar que nos temos que gobernar a nós mesmos. E en que primeiro son as alianzas cos de dentro de casa que cos de fóra. Cada quen xulgará quen está neses principios básicos do nacionalismo. Nunhas circunstancias como as actuais, predicar que o país non ten capacidade e xustificar en nome diso alianzas con inimigos ideolóxicos desa idea non creo que sexa o máis acertado. E menos se eses supostos aliados teñen menos incidencia social na túa propia sociedade.

-¿Sostén entón que estar aliado con Esquerda Unida prexudica os intereses do nacionalismo galego e favorece os do PP?

-Bueno, sobre todo favorece a idea de estrutura do Estado español tal como está. E o papel que ocupa Galicia, que é moi subordinado, dependente e marxinal. Nós temos que romper iso.

-¿Por iso o Bloque ven de recuperar o soberanismo no frontispicio da súa acción política?

-Claro. Estivo sempre, pero é certo que hai anos era unha cuestión estratéxica que non figuraba na actuación política cotiá, excepto os días da patria. ¿Pero é que nesta crise nós non temos nada que dicir? O PP está na idea de que hai que españolizar e europeizar máis. O PSOE na mesma, pero respectando os feitos singulares. Esquerda Unida, igual, pero somos federalistas. ¿E o nacionalismo non define a súa táctica? Iso é suicida.

-¿Deixouse ese discurso cando o Bloque estivo no Goberno?

-O Goberno foi moi contraditorio. Incluso no que correspondeu á nosa parte, porque houbo unha parte que estaba nos parámetros claros do BNG e outras nas que creo que non se estivo á altura das circunstancias. Outras si, como o que se fixo na Consellería do Medio Rural [que dirixía Alfredo Suárez Canal].

-¿Pensa o BNG que pode frear a perda de apoios e atraer máis ao redobrar a aposta soberanista?

-Non o sei. Pero é a función que ten que cumprir unha forza nacionalista no país. Se está producindo un desapego tan grande da política que, se non se logra que a xente vaia votar, os resultados electorais teñen un valor relativo. É o papel que debe cumprir o nacionalismo nunha crise de lexitimidade democrática e institucional como nunca houbo no Estado español. Pero polo ben do pobo galego, non por mil votos máis ou menos.

francisco rodríguez ex líder da UPG e membro do consello nacional do BNG

«Incluso no que tocou á nosa parte, o Goberno [bipartito] foi moi contraditorio»

«Un pobo que non ten perspectiva política está condenado a que se rían del»