Xavier Vence: «Este país non pode resignarse a perder emprego e poboación»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Álvaro Ballesteros

O portavoz nacional do BNG pide rachar con novas políticas «o círculo vicioso dos recortes do PP»

15 dic 2013 . Actualizado a las 13:59 h.

Recibe no seu despacho na Facultade de Económicas de Santiago, donde exerce a docencia que dende marzo compatibiliza coa portavocía nacional do BNG. Xavier Vence (Rodeiro, 1961) arremete contra «o círculo vicioso dos recortes» de Rajoy e Feijoo que afondan na perda de emprego e poboación que desangra Galicia. Urxe unha reacción social na que o Bloque aspira a ter un papel protagonista.

-O BNG ven de afinar a súa estratexia co soberanismo situado en primeiro plano.

-Na nosa liña de actuación pomos en primeiro plano a resposta á crise, aos recortes do PP e da troika. E nese sentido o que se pon de manifesto máis que nunca é a necesidade de que o país teña capacidade de decisión para podar adoptar outras políticas que creen emprego e dinamicen a actividade económica.

-Pero, aínda que o independentismo sempre foi parte medular no discurso do Bloque, tiña máis presenza o 25 de xullo que no argumentario de cotío. Fala dunha resposta á crise.

-Nós sempre vinculamos a idea de soberanía coa idea de ter instrumentos suficientes para facer políticas de acordo cos intereses do país, do noso desenvolvemento económico. Ese é o fío condutor da nosa política e a nosa forma de entender o concepto de soberanía.

-¿Pensa que a profunda crise económica pode favorecer que esas ideas agromen entre cidadáns que sofren eses recortes?

-Creo que si. Cada vez hai máis cidadáns que son conscientes de que parte dos problemas económicos derivan do descontrol sobre os mercados financeiros, sobre os fluxos comerciais e mesmo sobre o tema fiscal. A xente entende que é importante que as institucións teñan máis soberanía para poñer nós as prioridades e que non sexan os de fóra os que digan onde recortar.

-¿Axuda o debate de Cataluña?

-Axuda porque permite ver un país que decide facerse co seu destino, conquistar a súa soberanía e tomar decisións. Penso que aos galegos que podan sentirse receosos de determinados posicionamentos ideolóxicos isto lles serve para darse conta de que hai que pensar máis en clave dos nosos intereses, e non dos grandes oligopolios enerxéticos e financeiros de Madrid. Cada vez máis xente en Galicia é consciente de que nesta crise se están xogando moitas outras cousas.

-O BNG está sendo moi activo na rúa, trala pancarta, pero tamén na oposición institucional a copagos e subida de taxas.

-Estamos nunha crise moi profunda, con políticas da dereita moi agresivas con moitos sectores sociais. Están desmantelando a economía produtiva co ánimo de resolver o rescate financeiro, e cunha política de recortes que está recortando emprego e mermando a calidade dos servizos públicos. Estamos cos sectores que padecen as políticas do PP, dunha dereita moi radical, pero tamén demostrando nos concellos que, mesmo co corsé que marcan esas políticas, é posible facer outras cousas.

-¿Atopa o BNG a imaxe da xestión que busca nos concellos que goberna máis que na bagaxe da experiencia do bipartito?

-A experiencia de goberno compartido na Xunta foi curta, non permitiu visibilizar socialmente o recorrido das iniciativas que se puxeron en marcha. Nos concellos temos períodos de goberno máis longos nos que vemos a plasmación do modelo económico do BNG. Son concellos cun gran dinamismo económico. Un bo exemplo de que o BNG ten un modelo de país.

-¿Considera que sería posible repetir aquela experiencia?

-Aquel Goberno tivo realizacións moi importantes que Feijoo se empeñou en desmantelar. De cara ao futuro, haberá que avaliar os escenarios con realismo. Este país necesita urxentemente outro tipo de políticas e de Goberno. Imos afinar as nosas propostas para rachar o círculo vicioso de recortes da dereita. Temos que facer que este país non se resigne á perspectiva de seguir perdendo poboación e emprego. Esas perspectivas oficiais de que no 2022 imos ser 120.000 galegos menos póñennos os pelos de punta. Sobre o demais, a cidadanía falará.