Domingo Neira García: «Na homosexualidade algunha alteración ten que haber»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O docente de Maxisterio di que non se considera unha persoa homófoba

28 nov 2013 . Actualizado a las 10:35 h.

Tranquilo e seguro das súas palabras, o profesor de Ciencias da Educación Domingo Neira insiste nos seus pensamentos sobre a homosexualidade e a pederastia. Non recibiu aínda comunicación por parte do decanato ou do Reitorado da Universidade de Santiago da apertura dun expediente sobre os seus comentarios en clase e insiste en que o seu labor é «espertar, motivar e incentivar para seguir» ao alumnado, para que pensen por si mesmos.

-¿Que lle parece a polémica arredor dos seus comentarios?

-Colleume totalmente de sorpresa. Levo moitos anos facendo comentarios sobre asuntos de actualidade na clase e ese día xurdiu un comentario dunha alumna sobre unha sentencia sobre pederastia que ordenaba retirar palabras de Internet. Non imaxinaba que o alumnado fose tan sensible ou influenciable.

-Vostede sostén que a homosexualidade e a pederastia son froito dunha alteración conxénita.

-É a hipótese máis probable. Na década dos 70 a comunidade científica deixou de considerar a homosexualidade unha enfermidade e tamén a OMS quitoulle esa consideración. Outros apuntan a alteracións conxénitas e algunha alteración ten que haber. É un comentario coherente, informado e fundado en lecturas.