As ensinanzas do caso «Prestige»

GALICIA

15 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A sentenza do caso Prestige dilucida responsabilidades penais dos intervenientes na xestión da catástrofe, de conformidade cos preceptos relativos ao ambiente do Código Penal. A resolución non esgota o control xudicial sobre o sucedido. As responsabilidades civís, administrativas e políticas non foron avaliadas, polo que é ilícito presentar o resultado como sinónimo de aval xudicial da actuación pública ou política dos responsables da xestión.

A sentenza penal deixa imprexulgada a acción civil, polo que a tutela dos tribunais neste ámbito está por decidirse. Teremos oportunidade de ver cómo o intento de cobro das indemnizacións por danos están fortemente limitadas polos convenios internacionais asinados polo Estado, singularmente o de Responsabilidade Civil por Danos causados por Hidrocarburos, o que implica que na práctica a maior parte do dano deberá ser asumido por quen sufriron os danos ou os pagos, Administracións ou particulares, o que enxerga unha vindeira frustración nesta vía, supostamente indemnitaria, prevista para a restauración do dano.

A cuestionable xestión administrativa podería desembocar tamén nunha responsabilidade patrimonial das institucións de considerarse que o dano causado fose consecuencia dunha actuación neglixente da Administración, xa que entre a avaría do buque e o seu afundimento a influencia das decisións administrativas é innegable, estando por resolver que as adoptadas podan xerar responsabilidade na vía contenciosa.

A nivel político nada decide a sentenza. A absolución non despexa as dúbidas técnicas e éticas dunha decisión que foi a máis contaminante e danosa para persoas e ambiente. A aparente decisión técnica de afastar o buque agochou a intención de evadir as propias responsabilidades, coma se expulsando o barco das nosas augas o problema desaparecese. E non foi así. E por iso cómpre responder a nivel político, pois non é eticamente aceptable que quen decide que o vertido o sufran outros países ou as augas internacionais, teña o recoñecemento social. Tampouco a sentenza absolveu da manipulación informativa nin da falta de transparencia na xestión.

Daquela, ¿que ensinan a catástrofe e o proceso?

O sinistro demostra que os tipos penais en materia ambiental están redactados en forma que se dificulta a súa tutela penal. Se non queremos outra sentenza coma esta hai que cambiar a lei, pero advertindo que o dereito penal non é a solución a case ningún problema, porque o que desexabamos era unha xustiza reparadora, que deixase as costas como eran antes, e o dereito penal non pode devolver a vida.

Nestes anos non se modificou substancialmente o sistema de responsabilidade civil, de xeito que segue recaendo sobre as vítimas, particulares e institucións, o pago do dano causado por uns hidrocarburos que xeran un risco cuxo beneficio é privado para as empresas petroleiras pero cuxo dano sufrimos e pagamos todos.

Só unha denuncia de todos os convenios vixentes e unha nova lexislación baseada no principio indemnitario con responsabilidade solidaria e ilimitada dos axentes causantes do dano e beneficiarios da actividade pode albiscar un sistema civil máis xusto que teña como consecuencia o aumento da seguridade e preveña situacións catastróficas na que perece para sempre unha parte do mundo que habitamos.

O Prestige ensinou moito. Só resta que nós teñamos vontade de aprender.

Luís Villares é maxistrado do Contencioso n.º 2 de Lugo e experto en responsabilidade civil en vertidos mariños.