Angrois 100 días despois

Manuel Monge SOCIÓLOGO

GALICIA

01 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Houbo demasiados accidentes nos últimos anos. O 8 de xullo de 1999 descarrilaba un tren de mercadorías en Fene e dous vagóns caeron na estrada. Daquela, houbo sorte porque se fose un tren de pasaxeiros, en hora punta, poderiamos estar ante unha gran traxedia. Entre as causas daquel accidente falábase da dilatación dos raíles pola forte calor, mais o problema de fondo é que boa parte do ferrocarril galego data realmente do século XIX.

Comezamos o séculos XXI sen que existise un quilómetro de dobre vía en Galicia e cun trazado que facilita os accidentes e descarrilamentos: temos case 1.000 curvas cun radio inferior a 500 metros e outras 178 con menos de 300 metros de radio.

Por outra parte, non se atenden as reclamacións dos concellos. No grave accidente do paso a nivel de Valga perderon a vida tres persoas porque as barreiras estaban abertas, mais o propio alcalde xa advertira á ministra de Fomento, un ano antes, que era urxente abordar o tema dos catorce pasos a nivel do concello.

Despois de Angrois continuaron os accidentes. En Arbo un tren chocaba cun tractor nun paso a nivel, que estaba sen sinalizar e sen barreiras. Dous mozos morrían arrollados polo tren en Láncara e Monforte.

Moito por facer

O tren é un dos medios de transporte máis seguros, pero queda moito por facer. Hai que mellorar a infraestrutura ferroviaria, incrementar as inspeccións, investir máis en seguridade e na eliminación dos pasos a nivel.

Alguén debería explicar por que se di agora que a liña Ourense-Santiago é convencional, cando se vendeu como de alta velocidade. Para que non se repita outra traxedia como a de Angrois, debería crearse unha comisión de investigación, como solicita a oposición, para delimitar as responsabilidades políticas e as responsabilidades de dirixentes do ADIF e Renfe. Como dicía unha deputada do PP, ferida no accidente: «En cualquier país de Europa estos señores habrían dimitido o les habrían hecho dimitir».