A trata sexual: cuestión menor

Silvia Pérez Freire SOCIÓLOGA E INVESTIGADORA ESPECIALIZADA EN VIOLENCIA SEXUAL

GALICIA

17 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Apesar dos avances e recentes cambios normativos no tipo penal da trata de persoas, en España existen graves deficiencias e prexuízos no que se refire á súa modalidade con fins para a súa explotación sexual que están impedindo realizar unha resposta institucional acorde coa seria violación dos dereitos humanos que representa. O caso da menor rumana tratada sexualmente que fuxiu do club de alterne en Padrón é un exemplo máis (xorden cada certo tempo) dunha situación que debería levarnos a reflexionar, como mínimo.

Atopámonos ante un fenómeno que poderíamos denominar policontextural derivado da xustaposición e converxencia de varios contextos conflitivos que seguen sen abordarse coa contundencia necesaria. Estamos a falar, sobre todo, dunha cuestión de xénero (a trata sexual ten cara feminina, e canto máis nova, mellor), de migracións, de pobreza, de vulnerabilidade, pero tamén de explotación sexual.

Esa menor foi, con toda seguridade, consumida sexualmente por clientes de prostitución previo pago nos diferentes clubs de alterne onde foi trasladada: ¿acaso non é esixible certa responsabilidade nesta conduta? ¿Non vai sendo hora de rachar a conivencia social e penal coa explotación sexual neste país?