Malestares dunha educación recortada

José A. Caride CATEDRÁTICO DE PEDAGOXÍA SOCIAL

GALICIA

07 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Temos a educación que nos dan, non a que necesitamos ou desexamos. Tampouco a que nos teñen prometido, de xeito reiterado os responsables políticos nas súas incomprendidas reformas: coa LOMCE serán sete, desde a Constitución de 1978. Demasiadas para afrontar, sen os consensos esixibles nos Parlamentos e nas comunidades educativas, as fraxilidades dun sistema escolar historicamente feble en recursos e resultados. Unha circunstancia que os recortes agravan incrementando a fractura educativa e social tecida nas nosas sociedades; axustes estruturais, dirán, amparándose na democracia dos silencios, dándose motivos para velar ideolóxica e moralmente polo que acontece nas aulas. Neste escenario non sorprenden os datos de Sondaxe: voces dunha cidadanía plural que reflicten os malestares da educación que temos e nos damos, da que nos van quitando. Mostras do desasosego de milleiros de familias no inicio do curso escolar, desconcertadas polas medidas, ningunha pedagóxica, adoptadas por unhas Administracións insensibles á dureza das súas realidades cotiás. Decisións que nin explican nin entendemos, poñendo en xogo o futuro do ben máis prezado de calquera país, a súa infancia e mocidade: menos docentes e peor pagados; falta de oportunidades para unha formación complementaria nos colexios e nas iniciativas municipais; máis gastos ocasionados por un ensino que se di obrigatorio e gratuíto, no que os libros, o comedor ou o transporte nunca son opcionais. Mentres se manteñen concertos con colexios que segregan por xénero, facendo da interesada liberdade de ensinanza o seu baluarte, nas cidades que non no rural, onde nunca atoparon acomodos economicamente rendibles. Con todo, faremos mal instalándonos nos lamentos, resignándonos ao fatalismo de que isto é así porque non pode ser doutro xeito. Debe selo: nas palabras e nos feitos, coa congruencia que comeza por cuestionar que nunca haberá máis con menos. Nin calidade da educación en arredores de miserias, por moito que a decrete un Goberno.