Severino Rodríguez, alcalde de Monforte: «A Fegamp podería ser máis incisiva, pero iso tamén é unha responsabilidade de todos»

s. l. santiago / la voz< / span>

GALICIA

11 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A plataforma de alcaldes contra a reforma local ten no de Monforte, Severino Rodríguez, un dos seus promotores. Sostén que a razón de ser da fronte é defender os servizos que prestan os concellos e mellorar o seu financiamento. Rodríguez cre que a Fegamp podería ser máis incisiva.

-¿Cal é o obxectivo da fronte?

-Trátase de que os servizos que prestan os concellos se sigan prestando dende a cercanía e coa calidade actual, e non ir na dirección contraria. Se se centralizan nas deputacións, haberá desigualdades. E a nivel de financiamento, a idea é que se traslade aos concellos a xestión dos cartos que xestionan institucións que non son eficaces.

-¿Pensa nas deputacións?

-E na propia Xunta, para que meta as subvencións no fondo de cooperación local, e non teñamos que andar pedindo esmola polas consellerías.

-Pero as alegacións do municipalismo galego á reforma local foron aprobadas por unanimidade de todas as forzas representadas no seo da Fegamp.

-Si, pero unha cousa son as alegacións e outra isto. É un posicionamento rotundo de que hai que cambiar a dinámica.

-¿Non se senten representados pola federación?

-Si, representa a todos os concellos. Plantexamos algo co que creo que tamén están de acordo os alcaldes do PP. Do que se trata é de preservar os servizos e prestalos do mellor xeito posible aos cidadáns.

-¿Botaron en falla unha posición máis incisiva da Fegamp contra a reforma local?

-Si, podería ser máis incisiva, pero iso é responsabilidade de todos. O que non valen agora son as medias tintas.

-¿Sobran concellos en Galicia?

-Igual non fan falla fusións se queren liquidar os que hai.