Let's speak English

GALICIA

08 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Omicroencontro do Rajoy co Obama en San Petersburgo pode levar a un repaso sobre a importancia do idioma inglés. Seica os presidentes se falaron dous minutos, metade de cuxo tempo foi utilizada polo intérprete. Tan útil lle sería a don Barack falar castelán como a don Mariano falar inglés, pois ambas as linguas, xunto co portugués, son as europeas máis espalladas no mundo. Ora, a historia das descubertas, as conquistas e os imperios marca diferenzas.

O inglés non é unha lingua unitaria ao xeito do galaico-portugués, tan cedo maduro para a lírica; nin unha románica tocada a modo por outras, coma o castelán, vasquizado e mozarabizado. É unha mestura de saxón e francés, castrapo tal que os gabachos din que o ingleses apenas falan francés ruín.

San Francisco Xavier foi ao Xapón dar doutrina en portugués, primeira «trade language» europea no Oriente. Os portugueses acusan os reis Austrias de deixaren que os holandeses os fosen botando de alá, e de feito o neerlandés substituíu o portugués nos negocios asiáticos. Ata que Britannia comezou «to rule the waves», e daquela o inglés abafou o neerlandés.

O que ninguén albiscaba no século XVIII é que o idioma da metrópole chegase a oficial dos Estados Unidos (só por un voto sobre o alemán), nin que a nación nova viñese gobernar o mundo en todos os eidos do coñecemento.

Hoxe moitos millóns de humanos falan inglés de seu, e producen cultura aos torrentes; outros moitos millóns téñeno como segunda lingua e nel elaboran infinitos pensamentos (velaí a India, o Paquistán ou a Nixeria). No mundo fálanse «english», «eurenglish» (lingua franca da Unión Europea) e o «globish» de subsistencia. No podio bruxelense dos incapacitados para o «eurenglish» figuran primeiros os españois, seguidos por franceses e italianos. Sorte a dos que nos criamos en Ferrol, pois mandábannos á «miss» desde cativos. Os ferroláns tiveron tempo, de 1751 a 1936, para aprenderen quen «goberna as ondas». Algo disto seica sabían tamén os de Vilagarcía. O resto dos de Galicia, e de España, «eran de francés». Tarde se decataron de que estaban en «off».