Cando en 1990 se aprobou o primeiro plan de defensa contra incendios de Galicia, fíxose para que servira na loita contra un tipo de lume que estaba afectando ás superficies de arborado con valor comercial, descapitalizando o monte e freando o desenvolvemento dun sector chave da economía galega. O éxito do modelo baseábase na redución do tempo de resposta, obrigando a contar cunha inxente cantidade de recursos humanos e técnicos espallados por todo o territorio e que co paso dos veráns se afixeron a loitar contra pequenos lumes en áreas de mato, consecuencia da reincidencia de lumes en determinadas parroquias, e contra lumes en zonas arboradas nas que a extinción se apoiaba na densidade de camiños e terras de labor que rodeaban estes montes.
Ao longo destes 23 anos, a situación ten mudado debido a tres fenómenos. Primeiro, un incremento da superficie forestal, arborada ou a mato, resultado da desaparición das explotacións gandeiras. Hoxe soamente queda unha de cada cinco ganderías das existentes daquela, concentrándose nunhas poucas comarcas. Segundo, a proliferación das edificacións fora dos núcleos tradicionais, acaecida de forma máis intensa nos primeiros anos deste século. Finalmente, o descenso e avellentamento da poboación.
Situando o futuro no ano 2020, a partir dos datos dos que dispoñemos hoxe, prevese que en Galicia haberá 207 concellos, o 67 % do territorio, con menos de 5.000 habitantes, dos cales o 33 % terá máis de 65 anos e que vivirán en máis de 16.000 núcleos de poboación, algo máis da metade dos totais de Galicia. Por outra banda, se analizamos a tendencia no punto de comezo ou ignición dos lumes, observamos que no ano 1999 o 77 % dos lumes comezaban a menos de 1 quilómetro do centro do núcleo de poboación máis próximo, mentres que no fatídico ano 2006 este porcentaxe subía ao 81 %. Na medida en que a actividade incendiaria se despraza ata a costa atlántica, a porcentaxe de lumes nos perímetros de casas incrementarase.
Está acontecendo, e vai ser máis probable nun futuro cercano, que nos atopemos cun tipo de lume para o cal non estamos preparados. Lumes que se inician preto de casas, habitadas ou non, nunha superficie continua de arborado e mato, onde as prioridades de extinción pasan pola defensa de vidas e vivendas, ocasionando que os lumes se estendan polos montes e acaden cada vez maiores dimensións. O que nos toca é decatarnos da realidade que temos, e hai que xestionala nun período, que a diferenza do pasado, con menos recursos.