Carta a Mariano Rajoy: «É o seu deber dar a cara»

Sandra Cundines Antelo perdió a su hermano, de 25 años, en el accidente de Angrois


Sandra Cundines Antelo

Diríxome a vostede como podería facelo a calquera dos demais responsábeis políticos. Podería escribirlle a súa ministra de Fomento, aos seus conselleiros en infraestruturas ou aos responsábeis na Galiza. Escríbolle, aínda que formo parte dese amplo sector da sociedade que deixou de crer neste sistema político, porque penso que ao meu irmán lle gustaría. Un rapaz de vintecinco anos con toda a vida por diante. El faleceu nese tren Alvia o pasado 24 de xulio.

Tras saber do accidente, vostede pode imaxinar, sucederon as peores horas da miña vida. Exactamente 17 longas horas ata a chamada que confirmou o que xa temiamos. A min tocoume facer unha longa viaxe para xuntarme ca miña familia no multiusos do Sar. Entre alí e San Lázaro, eles pasaron todo o tempo, esquivando as cámaras que intentaban captar as súas bágoas. Eu que son, para que vostede me entenda, un pouco escéptica dos xogos políticos, non esperaba grande cousa das autoridades. Non obstante, algúns membros da miña familia quedaron estupefactos pola rapidez coa que se expuxeron diante das cámaras, para facerse a foto, e como marcharon tras o seu repregue.

Confésolle que eu non son católica nin profeso ningunha relixión. Mesmo así, podo sentir simpatía por aquelas persoas que, convencidas, adican as súas oracións aos nosos seres queridos e a paliar as nosas dores. Tiña (e teño) certa necesidade de colectivizar a dor aínda mesmo baixo o paraugas dun ritual relixioso, cuxa función non é outra que por en común o duelo. Facelo diante das cámaras e rodeada de políticos e personalidades non era o máis apetecíbel. Persoas cas que non comparto ningún afecto e cuxa imaxe paréceme fría e distante. Hoxe, porén, leo nos xornais que organizouse outra homenaxe, esta vez de forma cívica, da que non fomos avisadas. Dáme pena ver que en case tódalas imaxes o personaxe central é o seu delegado Feijoo ou outros políticos.

Vostedes non nos preguntaron aínda que precisamos. Non esixiron aos medios de comunicación que deixasen de acosarnos. Non prometeron aínda unha comisión de investigación que busque a verdade sobre os feitos.

Por se tiña pensado preguntarmo, adiántome e llo expoño: quero que me expliquen que pasou máis alén do «erro humano». Desexo que expliquen cales foron os pasos, dados durante anos, que levaron á creación dunhas redes ferroviarias onde un accidente deste calibre é unha posibilidade. É o seu deber dar a cara.

Nestes día, a solidariedade e a cooperación de xentes anónimas encheron o baleiro institucional. Por iso, espero que deixen de atribuírse o mérito dos pasaxeiros, traballadores, voluntarios e veciños de Angrois.

A morte non se esquece nin se perdoa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
160 votos

Carta a Mariano Rajoy: «É o seu deber dar a cara»