Espazo partido polo tempo do móbil

GALICIA

05 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O xuíz instrutor sinaloulle ao maquinista que estivera varios quilómetros falando por teléfono, ao que este respondeu: «Pero cuatro kilómetros a 200 por hora van muy deprisa». E ten razón, a ese ritmo fanse 55 metros nun segundo. Anímoos a que saian á rúa, calculen un punto que estea a uns 55 metros, e imaxinen o que sería percorrer toda esa distancia (máis da metade do Camp Nou) en tan só un segundo. Indo así, tería feito os 4 quilómetros que lle dicía o xuíz en 1 minuto e 12 segundos... pero en realidade a chamada durou máis. Dende que descolgou ata que deixou de atendela (ao decatarse da inminencia do problema) pasaron 1 minuto e 49 segundos, nos que non percorreu 4 quilómetros, senón 6. É o engano deses niveis de velocidade, que sobrepasan a intuición natural da nosa especie, para a que todo o que sexa ir a máis de 5 metros por segundo xa é ir correndo.

Cando viu a chamada do interventor, non albiscaba o punto de perigo, estaba no medio dunha estupenda recta, unha máis entre os centos de quilómetros que fixera aquel día... O malo é que deter unha mole de 385 toneladas disparada dese xeito non é un chiste. A enerxía que leva é de case 600 millóns de joules, algo así como a que se libera na explosión de 150 quilos de TNT. O freo só estivo funcionando sete segundos. Frear nese tempo de 200 a 80 por hora, con esa enerxía en xogo, é difícil: aínda que a deceleración necesaria (igual á metade da que xenera a forza da gravidade) non pareza descabellada sobre o papel (teoricamente daría para reducir a 80 quilómetros por hora nos 300 metros que faltaban para a curva), a forza de freo a aplicar ao Alvia durante eses sete segundos tería que ser a equivalente para levantar, a pelo, unha masa de 185 toneladas. Obviamente, non sería un proceso de freada amable para os pasaxeiros. Por poñer unha referencia, para ter unha deceleración de 200 a 80 quilómetros por hora que provoque en nós unha sensación de caída cara adiante que sexa equivalente a 1 décimo da forza da gravidade, cómpre xa unha freada de 33 segundos, que levaría case 1.300 metros. Os técnicos de Renfe teñen programadas rampas de freado máis agradables, co cal o proceso comeza a unha distancia 4 ou 5 veces maior.

Nunca se insistirá dabondo no risco de usar o teléfono móbil mentres se conduce un vehículo; de feito, un dos perigos para a saúde humana mellor demostrados do uso destes aparellos é o de causar accidentes de tráfico. Xa dende que empezaron a estar nos nosos coches se viu que os cargaba o demo: a abondosa bibliografía científica que analizou situacións de tráfico rodado empezou a denunciar, para sorpresa de todos, que o seu uso durante a condución incrementa entre 5 e 10 veces as posibilidades de ter un accidente, análoga á dunha persoa que duplica a taxa de alcoholemia.

Hai cousa dun ano, a Dirección General de Tráfico advertiu que, tras minuto e medio falando polo móbil (mesmo co mans libres), o condutor dun coche non ve o 50 % dos sinais e mesmo pode confundir itinerarios. A velocidade é espazo partido por tempo, á vista está que o móbil parte o espazo dun xeito perigoso.

Jorge Mira é catedrático do departamento de Física Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC)