Accidente en Santiago: «Reorganizar a vida agora é doloroso, pero non imposible»

Este profesional avoga por desterrar a fantasía de que se recupera o perdido


santiago / la voz

Membro do equipo de psiquiatras e psicólogos que ofrece dende onte o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Miguel Anxo García fala claro e pausado en tempos de ansiedade. «Seis e sete persoas estivemos a traballar no hospital e dixémoslles a moitos profesionais que non viñeran porque a sobreoferta de persoal complica as cousas», revela.

-¿Enfrontouse vostede algunha vez a unha catástrofe así?

-En magnitude de vítimas, non. Si temos tratado situacións moi críticas de naufraxios ou accidentes con mortos nunha mesma familia, pero estamos ante unha situación de excepcionalidade que pode complicar o traballo.

-¿En que sentido?

-Non só pola magnitude, senón porque a explicación do que aconteceu está pendente polo interese mediático. Todo isto, xunto, crea unha situación de excepcionalidade.

-¿Que é o que aporta un primeiro apoio psicolóxico?

-A primeira recepción dálles un referente co que estar en contacto, proporciónalles seguridade. Pero sobre todo abre unha primeira canle de comunicación. Isto é moi importante porque unha mala información pode inflixir un dano engadido. Isto que pode parecer baladí é clave. Logo tamén somos profesionais que sabemos intervir fisicamente nunha situación de shock.

-Sen embargo, son moitos os que pensan que non pode haber consolo...

-Non hai marcha atrás, pero si que hai que previr novos danos, comezar a andadura en condicións menos complicadas. Por iso é tan importante a información inicial e abandonar dende xa a fantasía de que se vai recuperar ou restituír o perdido.

-¿Que é o que lles agarda agora aos familiares dos desaparecidos nesta traxedia?

-A todas as persoas que perderon un ser querido nesta catástrofe espéralles un paso importante, avanzar no proceso de dor, reorganizar o mundo e a vida. É penoso é doloroso, pero non é imposible. Non é un mal patolóxico. O éxito dese proceso depende das súas redes, do seu círculo. En moitos casos van necesitar atención especializada, ben sexa do seu médico de atención primaria, dun psicólogo ou dun psiquiatra. Pero eu creo que o número de persoas que van precisar esta atención van ser os menos.

-¿Que consello lles trasladaría?

-Aínda que agora non o entendan así, deben crer que a adversidade se supera. E que agora toca facer o que toca, un esforzo, porque os traumas se superan. E un pode chegar a reorganizar a súa vida.

-¿Como enfrontan agora o seu futuro os superviventes?

-Moitos deles van presentar un conxunto de síntomas que é o que se coñece como estrés postraumático: vivencias de repetición do acontecido, problemas co sono, ansiedade, reaccións de tipo fóbico, como a de non subirse aos trens. É moi importante que saiban que este tipo de reacción á traxedia normalmente é temporal. Digamos que non resulta patolóxica e que na meirande parte de casos se resolve nun tempo.

-¿Pero podería chegar a cronificarse?

-Nalgún supostos menos frecuentes, si, pero ten un tratamento, e o aconsellable é facer unha consulta de atención especializada para abordar a cronificación ou o propio risco de que se cronifique. Por iso é importante avaliar moi ben todos os casos.

miguel anxo garcía psicólogo

Votación
12 votos
Tags

Accidente en Santiago: «Reorganizar a vida agora é doloroso, pero non imposible»