Máis de tres mil títulos publicados ao longo de 63 anos de historia

La Voz

GALICIA

25 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A suma de obras publicadas ao longo dos 63 anos de historia de Galaxia supera os tres mil títulos, dos que aproximadamente mil están vivos no catálogo actual da editora.

O primeiro libro editado por Galaxia foi Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, iniciando un labor de publicación que continuou con case todos os autores galegos.

En 1985, coa chegada de Carlos Casares á dirección da editora, comeza unha época de renovación que amplía autores, xéneros e profesionaliza a editorial, ampliando o seu campo de operacións e tamén a súa presenza e difusión no mercado do libro galego.

Nese ano renóvase o consello editorial de Grial e tamén se incorporan á editorial deseñadores para cambiar o aspecto das publicacións. En 1985 leva publicados 1.000 títulos, e desde esa data, duplicouse a cantidade de títulos editados.

Nos fondos de Galaxia están publicados dous premios nacionais de narrativa, Xa vai o griffón no vento, de Alfredo Conde, premio en 1986. Dez anos despois ¿Que me queres amor?, de Manuel Rivas, obtivo o mesmo galardón. Nun sentido similar, Galaxia coeditou con SM o premio nacional de literatura infantil Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín.