Xosé Manuel Beiras: «O éxito electoral de AGE acabou sendo un problema para Anova»

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Beiras admite que pasou un mal trago na recente asemblea de Anova, pero que nunca pensou en tirar a toalla.
Beiras admite que pasou un mal trago na recente asemblea de Anova, pero que nunca pensou en tirar a toalla. xoán a. soler

Beiras avisa de que quen incumpla a carta ética non merece estar con el

15 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A recente asemblea nacional de Anova dividiu a esta xoven organización en dúas metades. Uns querían preservar a autonomía da formación para elixir en cada momento aos seus socios electorais; outros aspiraban a formalizar o matrimonio con Esquerda Unida no seo da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE). A confrontación só amainou coa intervención de Xosé Manuel Beiras, o valor máis común de Anova, que aos 77 anos foi reelixido portavoz da organización por unanimidade.

-A primeira asemblea parece que deixou un pouso de división.

-Coido que non, o que houbo é moita tensión, e mesmo se exacerbou con algún episodio que colisionaba coa carta ética. Tivemos unha asemblea ordinaria, pero converteuse nunha segunda constituínte porque se volveu sobre os textos fundacionais.

-¿E que sucedeu, houbo un choque xeracional, cultural?

-Xeracional penso que non, porque eu mesmo son dunha xeración e non se dá ese choque. O que hai é unha colisión de hábitos de militancia entre as vellas formas forxadas na clandestinidade do franquismo e a nova cultura dos movementos sociais. E cada quen ten os seus tics, os seus vicios, a xente nova tamén.