Agustín Fernández Gallego: «A miña reprobación non resolve os problemas de Ourense»

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa OURENSE / LA VOZ

GALICIA

O rexedor socialista non entende o modelo de oposición do BNG

15 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Esta semana cumpríanse dous anos da constitución das corporacións municipais. Naquel intre, o entón concelleiro Agustín Fernández (Caracas, 1959) non imaxinaba, nin por asomo, que acabaría sendo o alcalde de Ourense. O balance que fai en pleno ecuador do mandato vai máis alá da xestión.

-O Concello de Ourense leva meses instalado na crispación. ¿Son tempos de tender a man?

-É imprescindible. A política de oposición de puro desgaste, cunha meta electoral, non beneficia a ninguén. Nos proxectos importantes imos ter que chegar a acordos e aí os intereses colectivos terán que estar sobre os corporativos. Quen non o faga así vai ter que dar explicacións aos cidadáns.

-¿Que foi o mellor e o peor?

-O mellor é resolver os problemas dos veciños e ver avanzar os grandes proxectos. O peor é a bronca política. E a xudicialización da vida municipal como medio para amedrentar.

-¿En que cambiou vostede trala reprobación?

-A reprobación téñena que facer os cidadáns nas eleccións. A oposición, se non está de acordo co noso proxecto, ten que presentar unha moción de censura. O único efecto que tivo foi o de reafirmar a miña intención de traballar, traballar e traballar. Non houbo ningún cambio porque non resolve os problemas de Ourense. Non vou perder nin un minuto en nada que non sexa traballar pola cidade.

-¿Non podía ser a reprobación un momento para a autocrítica?

-Non, porque a reprobación son fogos de artificios, non aporta nada ao goberno da cidade.

-¿Como vai afrontar a situación de inestabilidade?

-Os grandes proxectos de cidade foron compartidos co BNG. Estou convencido de que nese camiño nos encontraremos con todos os grupos da oposición.

-Pero algo pasou co BNG para que rexeitaran a primeira reprobación e apoiaran a segunda.

-Para min é difícil de entender o modelo de oposición que está adoptando nos últimos tempos o BNG, que me parece moi agresiva e máis propia do PP. O que lle pido é que valoren os proxectos e decidan se os apoian.

-Si pero, ¿que pasou?

-Un goberno non pode asumir os caprichos doutro grupo. Antes eramos 14 concelleiros e 3 directores xerais. Agora somos 11 concelleiros e a edila non electa que se discute se pode ser directora xeral. ¿Por que non pode ser? ¿Por unha circunstancia allea á xestión municipal como foi a sentencia do Tribunal Constitucional?

-¿Non pode sorprender que o día que deixa de ser concelleira a nomee persoal eventual?

-É unha situación transitoria para dar continuidade á súa labor ata que sexa directora xeral. En persoal de carácter político somos case as dúas terceiras partes do que eramos. Tomar esa medida non se pode recibir con tanto reproche.

-Tamén está aí a división do grupo socialista.

-En todos os grupos hai discrepancias, pero nestes seis anos as decisións de órganos colexiados sempre se tomaron por unanimidade. Discrepancia, debate, autocrítica, pero falar de división do grupo municipal é un erro.

-¿Non demostra división que unha concelleira socialista pedira por rexistro as contas do grupo municipal (que provocou a crise dos gastos impropios)?

-Creo que todos podemos cometer erros, pero non se pode interpretar como división porque o que conta é o día a día. Hoxe no goberno somos todos necesarios. Non sobra ninguén.

-¿Pensou en destituíla?

-Non. Neste goberno só cesará aquel que non cumpra coas súas obrigas. E todos están cumprindo co seu deber.

-Vostede devolveu os cartos pero non cesou a ninguén. ¿Resultáballe duro?

-A miña forma de ser non é cesar a alguén por imposicións doutras persoas. Non imos esixir responsabilidades porque outros queiran.

-Non se pode facer balance no Concello de Ourense sen falar do exalcalde, Francisco Rodríguez. ¿Pon a man no lume por el?

-Sen lugar a dúbidas.

-O de Ourense é, despois de Santiago, o concello con máis ediles imputados. ¿Preocúpalle a imaxe que se da?

-Haberá que valorar a imaxe do Concello cando resolvan os xuíces. Se o facemos por imputacións nas que non hai máis que meros indicios cometemos un grave erro porque vinculamos a un concello á política de xudicialización de determinados partidos. ¿Que responsabilidade debería asumir quen denuncia cando se arquiven eses casos? Faise un dano irreparable, porque hai máis presunción de culpabilidade que de inocencia.

-De feito, Rodríguez marchou e Orozco continúa en Lugo. Os dous do PSOE.

-A miña opinión é que debería haber un acordo xeral para fixar o momento no que hai que asumir responsabilidades.