Martiño Noriega: «Eu estou agora onde estiven sempre, ao lado de Beiras»

Cre que o nacionalismo non é incompatible cunha fronte de esquerda


santiago / la voz

Foi a persoa que máis votos logrou para a dirección de Anova e un dos protagonistas pola súa oposición ás teses oficiais do Encontro Irmandiño.

-¿Que lectura fai da cita desta fin de semana?

-Como son unha persoa optimista, quero sacar o bo. Anova é unha organización viva, permeable, en relación coas demandas da sociedade.

-¿Non se reproduciron vellas dinámicas?

-O que houbo foi precisamente un debate para impedir iso. Pero este é un risco que teñen todas as forzas tradicionais da esquerda.

-¿Por que se dividiu o Encontro Irmandiño?

-Eu non simplificaría tanto a realidade; a nova cultura política non é algo consolidado, está por crear. E iso leva ás organizacións a debates sobre vellas e novas maneiras de actuar. A resultante do noso debate foi que se lle deu unha enorme lexitimidade aos órganos de Anova. E eu agardo que esa lexitimidade sexa utilizada cunha nova forma de facer as cousas.

-Hai quen pode pensar que os seus movementos eran para suceder a Beiras...

-A asemblea deixou ben claro que a figura de Xosé Manuel é indiscutible. Quen faga unha interpretación do ocorrido a fin de semana en claves de cotas de poder equivócase. Beiras é o referente, non só en Anova, senón como oposición a Feijoo. Coido que esa era a vocación sincera de tódalas partes que participaron no congreso.

-¿Non corre o risco Anova de ficar anulada se consolida a súa alianza en AGE?

-As dúas cousas son complementarias. E non conveñen as lecturas simplistas. A síntese do documento político foi moi acaida: toda a soberanía para Anova, toda a liberdade para ter os seus socios, pero sen esquecer a experiencia exitosa de AGE, que creou un novo espazo de representación cidadán.

-Semella que hai tamén un debate ideolóxico: priorizar a coordenada entre esquerda e dereita ou a cuestión nacional...

-Non é incompatible a defensa de Galicia para defender o seu futuro e un programa de acción na esquerda rupturista. Son cousas complementarias e non poden camiñar por separado.

-¿Que riscos corre Anova no seu futuro máis inmediato?

-Se o que demandamos no modelo de sociedade non o acompañamos cun modelo interno coherente perderemos credibilidade, e iso foi o que lle pasou a outros proxectos políticos.

-¿Está máis perto ou máis lonxe de Beiras tralo acontecido esta fin de semana?

-Eu estou onde estiven sempre, ao lado de Beiras. Hai un compoñente afectivo é unha sintonía ideolóxica, cun respecto mutuo. Podemos ter lecturas diferentes, pero non por iso hai un alonxamento. Hai unha relación persoal, de amizade, pero outra cousa pode ser o interese dalgunha xente en que se visualice unha confrontación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos

Martiño Noriega: «Eu estou agora onde estiven sempre, ao lado de Beiras»