Fernández Lores: «Probablemente me anime a volver a presentarme á alcaldía»

manuel blanco PONTEVEDRA / LA VOZ

GALICIA

RAMON LEIRO

O rexedor di sentirse «apuñalado» co novo xiro sobre o futuro de Ence

20 may 2013 . Actualizado a las 15:49 h.

No ecuador do seu cuarto mandato, Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) está polo labor de repetir. Quere afondar no proxecto de cidade que impulsou o BNG. Tocaralle, porén, lidiar coa crise e o futuro de Ence.

-Haberá que ir pensando nas próximas municipais. A pregunta do millón no BNG: ¿seguirá vostede sendo candidato?

-É un tema que non falamos, e con todas as reservas formais que temos porque o candidato é elixido pola asemblea local, pero eu atópome ben, estamos facendo un bo traballo e probablemente me anime a volver a presentarme. O traballo que levamos feito durante estes anos penso que é moi valorado pola gran maioría social e nese sentido aínda quedan cousas por facer.

-Entendo que o proxecto Pontevedra aínda ten percorrido.

-Non quero parecer gavacho, pero a realidade é contundente. Temos un modelo definido, baseado nas persoas e na calidade de vida, no comercio local, en crear actividade, no que a cidade é de todos. Nós conseguimos iso. ¡Pero si temos críticas porque os nenos xogan nas prazas! É que é o que queremos, que os espazos públicos estean ocupados polas persoas. Estamos levando á practica un modelo de cidade que está nas directivas europeas, que fala de sustentabilidade, mesmo a Xunta fala da accesibilidade, aínda que quedan na teoría. Non hai unha cidade en España que leve este modelo ata onde nós, no que o 65 % dos desprazamentos sexan a pé, que non ten grandes centros comerciais, pero si ten un comercio local potente e vivo, que lles dá prioridade ao peón e á bici fronte ao vehículo privado...

-No caso do pacto de goberno co PSOE, nos últimos tempos xurdiron certas tensións co seu socio. ¿Cal é a saúde do acordo?

-Foron diferenzas un pouco pola súa parte para chinchar, pero a valoración é boa porque hai estabilidade e nos permite facer cousas. Todo é mellorable, pero a valoración é positiva.

-Aínda que ideoloxicamente son antagonistas, é rechamante a súa sintonía coa Deputación para facer proxectos, especialmente se se pon en contraste coas tensións que mantén coa Xunta.

-Eu sempre sostiven dende que estou aquí que o presidente da Deputación ten a obriga de entenderse co alcalde de Pontevedra. Tamén debería facelo co de Vigo, aínda que con Caballero é difícil. Creo que [Louzán] acabou entendéndoo e incluso é bo para a súa imaxe e a da institución. Nós sempre fomos leais e por iso estamos traballando. Tamén hai confrontación coas cousas nas que non estamos de acordo, pero así é como avanza a sociedade. Cos acordos e as discrepancias. Iso é o normal. O que non é normal é o que fai a Xunta, é imposible facer algo con eles, cos terreos xudiciais, co Carlos Oroza? Facer partidismo marrulleiro cos problemas e necesidades de Pontevedra é unha falta de decencia.

-A reforma da Lei de Costas vén de abrir unha vía para prorrogar a concesión da factoría de Ence na ría de Pontevedra, algo ao que vostedes se opoñen de xeito radical. ¿Como se sente?

-Apuñalado. É unha traizón en toda regra. Aquí, hai 25 anos cámbiase a Lei de Costas coa idea de recuperar os espazos marítimo-terrestres que non estiveran autorizados para portos ou instalacións xustificadamente para estar aí. E aí podiamos meter moitas cousas, pero non unha fábrica de celulosas. Polo tanto, houbo case 30 anos para buscar alternativas de deslocalización desas empresas e aí ten responsabilidade quen ordena o territorio. A Xunta tivo moitos anos para cambiar iso e protexer unha ría que é única no mundo. Recuperar ese espazo para os deportes náuticos, para o marisqueo, para a pesca de baixura, para tomar o sol...

-O BNG di que o PP mudou de discurso no caso Ence. ¿Por que?

-Nós dixemos sempre que o PP estaba polo labor de manter Ence aquí. Outra cousa son as declaracións e os programas, nos que eu non cría. De feito, cando manexaban o DOG facían cousas para que quedara, aínda que logo dixeran iso de que remataba a concesión. O PP non mudou o discurso, quitou a careta xa. E quero dicir máis: os 270 postos de traballo de Ence son tanto ou máis importantes que os outros, pero é que hai xente que só defende eses. E os outros que se perderon polo camiño son 5.000 nos últimos tempos só na cidade. ¿Ou que pasa? ¿Que un posto de traballo de funcionario ou dun comerciante é malo?

miguel anxo fernández lores alcalde de Pontevedra